As obras de remodelación da antiga escola unitaria dos Campos, en Mourente, para transformala no novo local social de Mourente xa están en marcha. Operarios da empresa adxudicataria, Prace, traballan con equipos de seguridade para desmontar a cuberta do edificio, que xa está baleiro.
Os traballos prolongaranse durante cinco meses, tal e como consta na licitación da obra, adxudicada por 471.248 euros.
A antiga escola unitaria ten unha superficie construída de 263 metros cadrados e dúas estruturas distintas e construídas a distintas alturas: a casa dos mestres e a escola, coas que se fará unha gran aula.
O proxecto está deseñado para que nas novas instalacións se poidan facer distintas actividades como cociña, conferencias ou exposicións e tamén haberá unha dotación de oficinas e almacén, e farase un módulo de baños fóra do edificio pero conectado con el cun corredor acristalado.
O edificio complétase cun bancada exterior para facer actividades ao aire libre, xa que tamén está previsto o acondicionamento da contorna.
Este proxecto está financiado con cargo aos convenios anuais asinados coa Deputación Provincial que achega o 90% do custo da obra, e o Concello o resto, ademais da redacción do proxecto, tramitación e execución da reforma.
O Local social dos Campos integra o novo núcleo de centralidade parroquial de Mourente xunto á reforma do segundo edificio público do lugar onde se situará as oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra (GDR). A remodelación está en plena fase de adxudicación cun orzamento de 373.964,64 euros.
O terceiro proxecto da centralidade dos Campos é a vía que une Tafisa cos Campos, un proxecto que xa está en marcha coa roza de toda a traza da vía. Adxudicado á empresa Ramírez, ten un orzamento de 1.441.906,26 euros, dos cales 439.393,50 euros corresponden coas expropiacións.