En marcha as obras para dotar de saneamento os lugares de Acuña e Cardiña

Vilaboa
04 de marzo 2024

O Concello de Vilaboa está a completar a rede de saneamento no lugar de Acuña, en Santa Cristina, cun investimento de 223.000 euros, e na Cardiña, en Cobres, con 149.197 euros

O alcalde de Vilaboa visita as obras na rede de saneamento do lugar de Acuña
O alcalde de Vilaboa visita as obras na rede de saneamento do lugar de Acuña / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa está a completar a rede de saneamento no lugar de Acuña, en Santa Cristina, cun investimento de 223.000 euros. A obra, que comezou a semana pasada, foi adxudicada á empresa Oresa Construcciones y Servicios Globales que ten un prazo de tres meses e medio para completar os traballos.

Segundo informan fontes municipais, esta actuación ten certa complexidade técnica xa que ten que atravesar a N-554, ademais dos leitos de tres regatos para adaptarse á orografía do terreo e esquivar e aproveitar, no posible, os desniveis naturais. 

A elección do trazado máis axeitado demorou o inicio duns traballos que permitirán ir completando a rede neste núcleo poboacional, no que 63 novas vivendas poderán conectarse á rede municipal de saneamento.

Esta actuación inclúe tamén o reasfaltado posterior das pistas polas que transcorre o trazado e a canalización de pluviais.

"Estes traballos, que asume o Concello de Vilaboa en solitario con fondos propios, forman parte dun plan moi ambicioso que consiste en ir tecendo una rede de saneamento e abastecemento de auga a todos os núcleos do municipio", explica o alcalde de Vilaboa, César Poza.

SANEAMENTO NA CARDIÑA

De xeito paralelo á intervención en Acuña, comezaron tamén os traballos de saneamento na Cardiña, cun investimento de 149.197 euros.

Esta obra permitirá dar servizo a unhas 50 persoas residentes neste lugar de Cobres. 

A actuación abarca a pista principal e dous ramais que, unha vez conectados á rede principal, serán reasfaltados e contarán con canalización de pluviais.