O Concello de Vilaboa está a completar a rede de saneamento no lugar de Acuña, en Santa Cristina, cun investimento de 223.000 euros. A obra, que comezou a semana pasada, foi adxudicada á empresa Oresa Construcciones y Servicios Globales que ten un prazo de tres meses e medio para completar os traballos.
Segundo informan fontes municipais, esta actuación ten certa complexidade técnica xa que ten que atravesar a N-554, ademais dos leitos de tres regatos para adaptarse á orografía do terreo e esquivar e aproveitar, no posible, os desniveis naturais.
A elección do trazado máis axeitado demorou o inicio duns traballos que permitirán ir completando a rede neste núcleo poboacional, no que 63 novas vivendas poderán conectarse á rede municipal de saneamento.
Esta actuación inclúe tamén o reasfaltado posterior das pistas polas que transcorre o trazado e a canalización de pluviais.
"Estes traballos, que asume o Concello de Vilaboa en solitario con fondos propios, forman parte dun plan moi ambicioso que consiste en ir tecendo una rede de saneamento e abastecemento de auga a todos os núcleos do municipio", explica o alcalde de Vilaboa, César Poza.
SANEAMENTO NA CARDIÑA
De xeito paralelo á intervención en Acuña, comezaron tamén os traballos de saneamento na Cardiña, cun investimento de 149.197 euros.
Esta obra permitirá dar servizo a unhas 50 persoas residentes neste lugar de Cobres.
A actuación abarca a pista principal e dous ramais que, unha vez conectados á rede principal, serán reasfaltados e contarán con canalización de pluviais.