A directiva do Casino Mercantil segue adiante coa súa intención de vender a súa sede da pontevedresa praza de Curros Enríquez. A pandemia deixou en suspenso o proceso, pero co paulatino regreso da normalidade o interese por este emblemático inmoble reactivouse. "Tivemos contactos, interesáronse tanto empresas privadas como entidades públicas", recoñeceu o presidente da institución, Ernesto Filgueira.
A pesar destas ofertas, a venda do inmoble está aínda lonxe de pecharse. Os interesados deben remitir por escrito a súa oferta, que será valorada pola directiva antes de ser aceptada definitivamente pola Asemblea de socios da entidade. "Non o imos regalar", advirte Filgueira consciente do valor dun edificio "impresionante".
Tomar a decisión de poñelo á venda non foi un proceso sinxelo, pero recoñecen desde a directiva que nestes momentos "o edificio fáisenos grande". E os ingresos recibidos por este traspaso servirá para potenciar a actividade dunha institución de 90 anos de historia.