Entre os funcionarios da Deputación xa hai mestres composteiros

Pontevedra
15 de xuño 2017

Mariña Lobelle é licenciada en Bioloxía, especialista en compostaxe e, desde este xoves, pioneira no funcionariado a nivel estatal. Tomou posesión como funcionaria interina do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, converténdose, xunto a outros 17 compañeiros, nos únicos especialistas en residuos que existen nunha administración pública en España

Toma de posesión dos 18 novos funcionarios interinos do Plan Revitaliza da Deputación Mónica Patxot

Mariña Lobelle Varela é licenciada en Bioloxía, especialista en compostaxe e, desde este xoves, pioneira no funcionariado a nivel estatal. Tomou posesión como funcionaria interina do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, converténdose, xunto a outros 17 compañeiros, nos únicos especialistas en residuos que existen nunha administración pública en España. 

O vicepresidente provincial, César Mosquera, presidiu a toma de posesión dos 18 novos funcionarios interinos e destacou que hai concellos que teñen traballadores encargados dos residuos, pero é persoal que "non está formado nin ten a metade da vagaxe" do que acaba de incorporar a Deputación a través da convocatoria dun concurso oposición. 

A incorporación destes especialistas en compostaxe, todos agás un mestres composteiros que xa comezaron a súa formación cunha bolsa da Deputación, supón un "salto adiante" que enriquece o mundo do tratamento de residuos, un corpo pouco tecnificado e con pouco coñecemento, tanto nas empresas como nas administracións.

Mariña Lobelle destaca que está de celebración e nunha situación que pouco imaxinaba cando botou a primeira instancia para formar parte do corpo de bolseiros do Plan Revitaliza. Desde entón pasou un proceso selectivo "moi duro" no que pasou as correspondentes probas, entrevistas e cursos formativos da bolsa da Deputación e, despois dun ano e de converterse en mestra composteira, preparou as oposicións.  Agora "por fin recollemos os froitos" de tanto esforzo e empeza unha nova etapa na súa carreira profesional, "moi bonita, moi ilusionante, moi esixente tamén".

A esixencia vén dada porque comeza a segunda fase do Plan Revitaliza. A primeira foi máis demostrativa, de ensinar á xente o que era a compostaxe e agora toca a implantación nos concellos para que sexa xa unha alternativa real de xestión de residuos, pero Mariña está convencida de que o éxito será total, pois leva un ano traballando coa veciñanza e os "medos e descoñecemento" que atopou ao principio deron paso agora a unha situación na que "cada vez máis a xente xa sabe o que é a compostaxe e ten máis conciencia e sabe que é o camiño polo que hai que ir".

Esta nova funcionaria provincial destaca que xa desde que comezou todo o seu proceso a impresionou que unha administración pública "fora tan valiente" e agora está "abraiada da valentía e dos medios que se están poñendo para este proxecto e do ben que está indo".