En Raxó xa case están afeitos a que, con certa frecuencia, algún vehículo acabe coas súas rodas na area da praia.
Este xoves o protagonista foi un turismo que estaba aparcado sen freo de man no lado do vial máis próximo á praia. O vehículo, que estaba baleiro, empezou a moverse e precipitouse á praia quedando suspendido sen caer completamente ao areal.
O incidente non rexistrou feridos quedando todo nunha anécdota que reabre a polémica para que se dote a este enclave turístico dalgún elemento que separe e protexa á praia da estrada.
O Concello de Poio remitirá un informe, elaborado pola Policía Local, a Portos de Galicia, no que se advirte da necesidade de tomar medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria na contorna do peirao de Raxó.
Segundo o goberno local, este suceso, que se produce apenas unhas semanas despois doutro moi similar nun emprazamento próximo, pon de manifesto a necesidade de actuar canto antes na zona para mellorar a seguridade e os servizos da contorna.
O goberno local insta unha vez máis a Portos a que reactive o convenio asinado co Concello no ano 2009, a través do cal se comprometeu a rehabilitar os peiraos de Raxó e Covelo, cunha inversión de máis de 3 millóns de euros.
A pesares dese compromiso adquirido hai xa once anos, a administración autonómica completou menos do 20% do estipulado, sendo estas dúas zonas chave para a dinamización económica, social e turística para as parroquias de Raxó e Samieira.