Areeiro abre de novo as súas portas ao público con visitas guiadas gratuítas

Pontevedra
09 de xuño 2026

Grazas a este programa de visitas, a cidadanía poderá coñecer de preto un dos centros de investigación máis destacados de Galicia ao tempo que descubre os seus singulares espazos verdes

Estrea do novo anfiteatro da EFA
Estrea do novo anfiteatro da EFA / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de reactivar o programa de visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica Areeiro, unha iniciativa que regresa tras o éxito acadado na súa convocatoria de 2025-2026.

O obxectivo é achegar á cidadanía o traballo científico e de investigación que se desenvolve neste centro de referencia.

Ao tempo esta visita permite descubrir os seus singulares espazos verdes situados nunha contorna de preto de seis hectáreas.

Alí destacan as plantacións piloto de árbores froiteiras, a colección de camelias da Deputación de Pontevedra con máis dun milleiro de exemplares, a primeira plantación de té de Galicia, así como un xardín de plantas aromáticas e outras especies vexetais de especial interese.

As visitas son totalmente gratuítas e están dirixidas a grupos de entre dúas e trinta persoas.

Os percorridos estarán guiados por profesionais acreditados co título de guía turístico de Galicia e desenvolveranse os martes e xoves en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. Cada visita terá unha duración aproximada de dúas horas.

As persoas interesadas xa poden solicitar a súa participación a través do formulario habilitado na páxina web da Estación Fitopatolóxica Areeiro, cunha antelación mínima de dous días naturais.

A organización establece un límite dunha visita anual por persoa ou grupo. No caso dos menores de idade, deberán acudir acompañados por unha persoa adulta responsable e, se se trata de visitas escolares, será necesaria a correspondente autorización asinada.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro goza dun recoñecido prestixio tanto a nivel nacional como internacional grazas ao seu labor en materia de sanidade vexetal.

O centro desenvolve importantes tarefas de investigación e experimentación relacionadas con cultivos forestais, agrícolas e ornamentais, especialmente coa camelia, ademais de traballar na conservación e defensa do patrimonio vexetal da provincia.

As súas instalacións albergan laboratorios especializados no diagnóstico de pragas e enfermidades, estudos de solos e investigación aplicada aos cultivos, converténdose nun espazo fundamental para o avance do coñecemento científico no ámbito agrario e forestal.