Eva Lantarón, decana de Fisioterapia, proposta como nova vicerreitora en Pontevedra

Pontevedra
08 de abril 2022

O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, prevé realizar cambios no seu equipo se, nas eleccións que se celebrarán o próximo 4 de maio, volve ser reelixido como máximo responsable da institución educativa. Jorge Soto non continuará como vicerreitor do campus de Pontevedra

Eva Lantarón, decana de Fisioterapia Universidade de Vigo

O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, prevé realizar cambios no seu equipo se, nas eleccións que se celebrarán o próximo 4 de maio, volve ser reelixido como máximo responsable da institución educativa.

Reigosa, que é o único candidato que se presentou a este proceso, necesitará para iso que a comunidade universitaria emita máis votos a favor que en contra da súa continuidade.

Unha das principais novidades afecta directamente ao campus de Pontevedra. E é que Jorge Soto non continuará como vicerreitor. Para substituílo, o reitor en funcións optou por Eva Lantarón, decana da Facultade de Fisioterapia desde 2018.

No seu equipo figuran Miguel Ángel Michinel Álvarez (secretario xeral), José Luis Míguez Tabarés (planificación e sustentabilidade), María Belén Rubio Armesto (investigación, transferencia e innovación), Manuel Ramos Cabrer (profesorado, docencia e titulacións) ou Mónica Valderrama Santomé (comunicación e relacións institucionais).

A candidatura complétase con Natalia Caparrino Marín (estudantado e empregabilidade), María Isabel do Pozo Triviño (internacionalización), José María Martín Moreno (relacións coa empresa), María Isabel Doval Ruiz (benestar, equidade e diversidade), Susana Reboreda Morillo (extensión universitaria) e Elena Rivo López (vicerreitora do campus de Ourense).

Nesta nova etapa, Manuel Reigosa fixou como liñas básicas e transversais do seu goberno o impulso ao galego, melloras en materia de igualdade ou a internacionalización da universidade, atraendo a alumnado e profesorado estranxeiro.

Ademais, marca como retos máis inmediatos a renovación do cadro de persoal, a transformación dixital e a aposta pola sustentabilidade.