Extinguido un lume nunhas instalacións industriais abandonadas en Campañó

Pontevedra
12 de decembro 2025
Actualizado: 20:23

O lume afectou principalmente a colchóns, roupa e diversos aveños acumulados en dúas do catro plantas do inmoble.

Parque de bombeiros de Pontevedra
Parque de bombeiros de Pontevedra / Mónica Patxot

Os Bombeiros de Pontevedra interviñeron este venres para sufocar un incendio declarado nas instalacións do antigo Centro de Investigación Tecnolóxico (CIT) de Ence, situado na parroquia de Campañó.

O inmoble, clausurado desde 2006 e en avanzado estado de abandono, é utilizado habitualmente como refuxio por persoas sen fogar.

Segundo os Bombeiros, o aviso recibiuse no Parque Municipal ao redor das 13.30 horas. A chamada alertaba da presenza de fume na nave e sinalaba que algunhas persoas foran vistas saíndo do edificio instantes antes de que comezasen as lapas. Non se rexistraron danos persoais.

Os labores de extinción prolongáronse durante algo máis dunha hora.

O lume afectou principalmente a colchóns, roupa e diversos aveños acumulados en doúas do catro plantas do inmoble.

O antigo CIT atópase próximo ao refuxio de animais dos Palleiros, nunha zona onde veciños e entidades denunciaron en varias ocasións a deterioración destas instalacións abandonadas.