Falece un home de idade avanzada atropelado na recta de Carril en Vilagarcía

O Salnés
07 de xullo 2024

Un helicóptero medicalizado desprazouse ata o lugar pero as feridas eran tan graves que o equipo médico non puido salvarlle a vida. O accidente rexistrábase arredor das 11.40 horas deste domingo na PO-548

Helicóptero do 061 061 - Arquivo

Un home de 75 anos, con domicilio habitual en Madrid, falecía na mañá deste domingo en Vilagarcía de Arousa como consecuencia dun atropelo.

O accidente rexistrábase ás 11.40 horas da mañá. 

O 112 Galicia recibía unha chamada indicando que se produciu o atropelo dunha persoa de avanzada idade na PO-548, á altura do número 78, na recta de Carril, en Vilagarcía.

Nese momento, o alertante indicaba que a persoa estaba totalmente accesible pero alarmaba de que se atopaba ferida de consideración.

Segundo indican desde o Concello de Vilagarcía, a vítima tentaba cruzar no paso de peóns diante da entrada principal do parque da praia Compostela.

A Policía Local informou de que o home tentaba cruzar o paso cando o semáforo permanecía en vermello para os peóns, mirou cara unha vía pero non ao outro carril, coa mala fortuna de que un vehículo o golpeaba no momento en que tentaba atravesar a vía.

Un médico que pilotaba unha motocicleta e pasaba pola zona detívose coa intención de reanimalo, mentres non chegaba unha ambulancia.

Desde o 112 Galicia avisaron ao persoal do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ao momento ao helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela.

Tamén foron informados os Bombeiros de Vilagarcía, axentes da Policía Local e efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía.

Unha vez no lugar, os profesionais sanitarios só puideron certificar o falecemento do viandante.

O Concello de Vilagarcía indica que, minutos máis tarde, unha muller que saía dunha vivenda da leira de Artime, fronte ao parque de Compostela, recoñeceu o accidentado, que resultaba ser o seu marido.