Unha muller faleceu e outra resultou gravemente ferida ao ser arremetida a moto na que viaxaban por un vehículo.
O accidente tivo lugar sobre as 21.30 horas deste venres na estrada PO-531 na coñecida como recta da Goulla.
Segundo o relato de testemuñas presenciais, o turismo, un Porsche circulaba a alta velocidade en sentido Vilagarcía e ao realizar unha manobra de adiantamento invadiu o carril contrario arroiando ao ciclomotor que ocupaban as dúas mulleres. Unha delas morreu no acto mentres que a outra foi trasladada en ambulancia do 061 ao Hospital Montecelo.
Segundo informou a Garda Civil as mulleres, de 28 e 48 anos, eran veciñas de Brasil e Caldas de Reis respectivamente. A falecida é a máis nova.
Tras o accidente a circulación permaneceu interrompida mentres se procedía ao levantamento do cadáver e os servizos de emerxencias procedían á limpeza da vía.
O 112 Galicia recibía a noite de onte, pouco antes das 21:30 horas, a chamada dun particular que informaba dunha colisión entre un coche e unha moto no quilómetro 15 da PO-531, ao seu paso pola parroquia de Santa María de Paradela. Nun primeiro momento, o alertante indicaba a posibilidade de que unha das persoas implicadas falecera.
Mobilizáronse efectivos dos Bombeiros do Salnés co fin de despexar a vía e tamén participaron no operativo axentes da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Meis e os servizos de mantemento das estradas.
O CONDUTOR DO COCHE, POSITIVO NO TEST DE DROGAS
No que respecta ao condutor do turismo, a Garda Civil confirma que se trata dun home de 49 anos, veciño de Suíza, que tras o accidente deu positivo no test de drogas ao que foi sometido, por consumo de cocaína.
Debido a iso foi detido acusado dos delitos de homicidio por imprudencia grave, lesións graves e contra a seguridade viaria.