Un ano para 'fedellar' con actividades para relaxarse e pasalo ben en Soutomaior

26 de novembro 2025

Co programa 'Fedellando' preténdese favorecer a saúde mental e mellorar a calidade de vida mediante actividades manuais.

Rosana Martínez Boullosa e Charo Bouzón presentaron 'Fedellando'
Rosana Martínez Boullosa e Charo Bouzón presentaron 'Fedellando' / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior presentou este mércores 'Fedellando', un programa de actividades artísticas e artesanais. A iniciativa foi dada a coñecer pola concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, acompañada pola concelleira de Asociacións, Charo Bouzón.

O obxectivo de 'Fedellando' é mellorar o benestar e a calidade de vida da veciñanza a través do traballo manual como ferramenta de coidado da saúde mental.

Segundo explicou Martínez Boullosa, "a actividade manual permite desconectar das preocupacións, desenvolver a creatividade e fomenta a interacción social, actuando como terapia ocupacional beneficiosa para persoas de todas as idades".

O programa desenvolverase ao longo de todo o ano con obradoiros mensuais: en decembro abrirase co taller de empaquetado de agasallos; en xaneiro tomaralle o relevo 'Decora a túa cerámica'; en febreiro será a quenda da cartonaxe; en marzo, 'Parche da memoria'; en abril, encuadernación; en maio, cosmética natural; en xuño, limpeza ecolóxica; en setembro, elaboración de conservas; en outubro, 'decoupage'; e en novembro pecharase a primeira edición con 'Deixa a túa pegada'.

Todas as actividades serán gratuítas ata completar aforo, cun número limitado de prazas. As inscricións realizaranse en liña e abriranse ao comezo de cada mes na web municipal.

Desde o CIM de Soutomaior lembran que os beneficios do traballo manual para a saúde mental son numerosos xa que, segundo sinalaron, reduce o estrés e a ansiedade, mellora a concentración e a memoria, potencia a creatividade e o inxenio, incrementa a autoestima, favorece o desenvolvemento motriz e cognitivo e impulsa a interacción social e un uso saudable do tempo libre.

O primeiro taller, dedicado ao empaquetado de agasallos, celebrarase o 18 de decembro. As inscricións permanecerán abertas do 2 de decembro ás 9:30 horas ata o 9 de decembro ás 14:30 horas.