A Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra abriu este venres as portas da Feira da Miniciencia, a fase final de Pontenciencia.
Procedentes de 16 colexios e institutos de Pontevedra, 540 mozos participan neste evento.
Ao longo deste venres, os escolares defenderon diante dun comité científico integrado por investigadores da Universidade de Vigo e do CSIC os resultados das 28 investigacións que levaron a cabo nos últimos meses e coas que optan aos premios que se entregarán no mediodía do sábado.

Promovido polo Concello de Pontevedra, co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e a colaboración, entre outros, da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Pontenciencia ten como obxectivo achegar o método científico tanto ao estudantado de primaria e secundaria, como á sociedade en xeral.
A presentación das investigacións está complementada por máis dunha vintena de obradoiros e actividades, das que na mañá deste venres puideron gozar os 349 estudantes de primaria participantes na categoría de 'Ciencia no Cole'.

A defensa dos 14 proxectos desenvolvidos polo alumnado de primaria nesta modalidade abriu este evento final da décimo segunda edición de Pontenciencia. Entre eles, atopábanse investigacións como a que o estudantado do CEIP Ponte Sampaio centrou en coñecer como a fase lunar afecta ao crecemento do cabelo ou o prototipo de faro autosustentable que emprega diferentes sistemas de xeración eléctrica baseadas na auga do CEIP Froebel.
Xunto a estes, o comité científico encargouse de avaliar tamén investigacións sobre se o baile ten un efecto positivo no estado de ánimo, do Sagrado Corazón de Pontevedra; ou os prototipos xerados cunha impresora 3D polos mozos do CEIP Cabanas.

Os colexios Parada-Campañó, Xeve, Daria González, Los Sauces, Sagrado Corazón de Placeres e Calasancio presentaron así mesmo os seus proxectos nesta mañá de venres, que se completou coa visita aos diferentes postos do concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, e a directora da Escola de Enxeñería Forestal, Ángeles Cancela.
Pola tarde, foi o momento do alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional, que optan aos premios 'Homenaxe á muller investigadora'. Esta segunda modalidade conta coa participación de 149 mozos, procedentes dos IES Gonzalo Torrente Ballester, Montecelo e Luís Seoane, do CFEA Lourizán, do Sagrado Corazón e de Los Sauces, que presentaron un total de 14 investigacións.
