Felipe de Luis: "O soño de Sito era que o Cambados xogara contra o Madrid. E chegou a crelo"

Pontevedra
01 de novembro 2020

O xornalista Felipe de Luís é o autor de Sito Presidente, libro que relata a etapa na que o narcotraficante Sito Miñanco liderou ao equipo de fútbol de Cambados, que protagonizou éxitos deportivos -estivo a piques de ascender a Segunda División- entre unha ampla gama de luxos e excesos

Felipe de Luis, autor do libro "Sito presidente"
Felipe de Luis, autor do libro "Sito presidente" / Mónica Patxot

Cando Sito Miñanco perdeu ao seu pai tomou unha decisión. Facerse coas rendas do Club Juventud Cambados, o equipo de fútbol do seu pobo natal. "A súa morte marcouno moito. Podía ter outros intereses pero iso pesoulle", explica o xornalista Felipe de Luis.

Ese o punto de partida do libro Sito Presidente (Pepitas de calabaza, 2020), obra que relata a etapa na que este narcotraficante liderou a un equipo que protagonizou éxitos deportivos -estivo a piques de ascender a Segunda División- entre unha ampla gama de luxos e excesos.

"Buscaba facer un retrato íntimo de Sito e da xente que o rodeaba", explica este xornalista madrileño afincado en Pontevedra, que considera que "esta é unha historia de xente anónima que chegou a vivir algo inaudito" para un pobo que tiña apenas 13.000 habitantes.

Durante meses, Felipe de Luis entrevistou a ex xogadores do Cambados, xornalistas que viviron esa época e mesmo a familiares do propio Sito. Falar con eles, con todo, non foi fácil. "Hai moito hermetismo. É unha mestura de lealdade, vergoña e medo", recoñece o autor.

A Miñanco, que controlou o club entre 1986 e 1989, "gustáballe moito o fútbol", explica De Luis. O que non logrou como xogador fíxoo como directivo. Levou ao equipo a cotas históricas. Non sen extravagancias e malgastes de diñeiro. "Tiña que demostrar que el estaba alí", engade.

Había diñeiro. Moito. O equipo púxose de moda e chegaron xogadores de toda Galicia. Sito esforzábase "en telos moi contentos", afirma o autor do libro. E non escatimaba en gastos. "El quería ser un Deus en Cambados e a xente tiña unha dependencia afectiva con el", subliña.

Miñanco, que controlou o club entre 1986 e 1989, levou ao equipo a cotas históricas. Non sen extravagancias e malgastes de diñeiro. "Tiña que demostrar que el estaba alí", engade o autor

Aínda que "hai moitas lendas", quen viviu esa época falan de concentracións no Parador de Cambados, soldos millonarios, bolsas de diñeiro, agasallo de coches, luxosas festas, viaxes a Panamá para celebrar ascensos ou desprazamentos en planadora pola ría.

"O que me gusta desta historia é ver a unha chea de homes humildes de pobo, que non tiñan case nin diñeiro nin saíran xamais de Cambados e de súpeto preséntaselles Sito e dilles que todo iso era para eles", destaca Felipe de Luis.

O soño de Sito Miñanco era que o seu Cambados chegase a xogar contra o Real Madrid, o outro equipo dos seus amores. "E chegou a crer que era posible", asegura De Luis. Pero estalou a operación Nécora e, aínda que non caeu nela, todo cambiou para el. Sentíase perseguido.

Co equipo agonizando en Segunda B, Sito desapareceu. "Acabouse a historia e dunha plumada o Cambados volveu ser o de antes", narra o xornalista. O diñeiro, aos poucos, deixou de chegar. A moitos lle custou dixerilo. "A diferenza era abismal. Pasárono moi mal", explica.

Hai a quen non lle gusta lembrar esa época. "O que non terminan de dixerir ben en Cambados é que iso segue aí. Non desapareceu", sinala De Luis. Foron apenas catro anos nos que o club se converteu no terceiro equipo máis poderoso de Galicia, tras Deportivo e Celta.

Dalgunha maneira Sito Miñanco foi "sen sabelo", precursor dunha raza de presidentes que anos despois asolagaron o fútbol español e que, segundo o autor, "aos afeccionados facíannos graza coa seu parte campechana e cómica". Como Jesús Gil. "Teñen moito en común", defende. "Os dous eran moi impulsivos e tiñan moito carisma".

"A min ás veces chegoume a seducir a figura de Sito, ata que pensas en quen era", conclúe o xornalista. "É un delincuente. Non hai dúbida", engade. Como tampouco a hai en que, a pesar de controlar a entidade durante anos, o Cambados xamais estivo relacionado coas actividades ilegais de Miñanco