Figueirido lucirá unha árbore de Nadal de 20 metros feita con palés

Vilaboa
27 de novembro 2024

Ademais, Paredes incorpora iluminación aérea a súa composición e Santa Cristina acompañarase da Banda da Escola de Música na inauguración da tempada de Nadal en Vilaboa

Iluminación de Nadal no barrio Portazgo de Paredes
Iluminación de Nadal no barrio Portazgo de Paredes / Mónica Patxot

Vilaboa converterá esta fin de semana o acendido de Nadal nunha festa na que o protagonismo recae na veciñanza dos barrios iluminados.

Nesta edición Santa Cristina de Cobres únese ao propósito de achegar o espíritu de Nadal á parroquia, no que tamén participan os lugares de Paredes e Figueirido.

Así, de forma escalonada coa intención de que aos tres acendidos poida asistir a veciñanza de todo o municipio, entre o venres e o sábado milleiros de luces led encherán de cor estes tres barrios, aos que se irá sumando pouco a pouco a decoración que moitos particulares teñen preparada para as súas vivendas.

A primeira cita será este venres ás 19 horas en Paredes, na Carretera Vella.

A asociación de veciños, organizadora da montaxe, está disposta a sorprender con novos elementos que incorporará á xa traballada composición, na que non faltará o vagón do tren, a noria, o tiovivo ou o columpio luminoso convertido o ano pasado en escenario ideal para selfies.

Desde a organización avanzan sorprendentes novidades na iluminación aérea nun programa que arrancará co pregón do escritor Manuel Lourenzo e continuará coa actuación do grupo de gaitas "As Canteiras", para rematar cunha chocolatada de balde. A cativada terá na Carretera Vella unha caixa de correos de Nadal para ir deixando as súas peticións para o Apalpador ou os Reis Magos.

O sábado día 30 a festa desplázase a Santa Cristina e Figueirido.

En Cobres o acendido está previsto para ás 19 horas cunha montaxe que segundo explica o presidente da asociación de veciños, Ricardo Fernández, baséase nos traballos de manualidades que están a facer máis dunha veintena de persoas voluntarias.

Esta creación colectiva verase completada polas decenas de vivendas residenciais que tradicionalmente decoran as súas fachadas e xardíns.

A banda da Escola de Música de Vilaboa será a actuación estrela dunha inauguración que para a asociación veciñal de Santa Cristina ten un simbolismo especial.

E a festa continuará en Figueirido a partir das 20 horas. Si o ano pasado sorprenderon cun castelo iluminado no parque do Canaval, este ano traballan arreo para montar unha árbore de máis de 20 metros de altura feita con palés "e moitas novidades máis". Un DJ animará con música a tarde.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, convida a toda a veciñanza a desprazarse ata os tres lugares e participar nas festas de convivencia organizadas polos diferentes colectivos veciñais coa colaboración do Concello.

"Esto é precisamente o que buscabamos ao convocar este concurso: potenciar o espíritu de barrio", dixo o alcalde.