Punto final á tripla actuación que o Concello de Soutomaior anunciou e levou a cabo no campo de fútbol de Salgueirón e nos barrios de Moreira e Lourido.
Os traballos finalizaron cos labores de asfaltado xunto ao campo de fútbol de Arcade, unha zona especialmente transitada.
Nestes traballos investíronse en total arredor de 70.000 euros.
Os asfaltados nos barrios de Moreira e Lourido e en Salgueirón súmanse aos realizados nos últimos meses no Barrio da Feira, nas rúas de Cochón e Lavandeira, na estrada que conecta o barrio de Moreira e O Viso, en Redondela; e a estrada que une os barrios de Romariz e Comboa.
Ademais o Concello avanza que se vai acometer o arranxo da estrada oprincipal do Val-Sobral, xunto a unha reurbanización e humanización deste núcleo rural.

Xunto aos asfaltados, o goberno local está a aproveitar estas actuacións para levar a cabo a limpeza de cunetas e das tubaxes do sistema de pluviais.
"No canto de realizar simples bacheados, estamos a realizar un importante esforzo para facer asfaltados completos", afirma o o alcalde, Manu Lorenzo tras visitar a zona de Salgueirón.
Todo co obxectivo de que "os nosos veciños e veciñas conten cunhas estradas municipais que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, desfrutar do seu tempo libre e que dean acceso a servizos básicos esenciais".