Financiamento provincial para as obras de saneamento no lugar de Couselo, en Cuntis

Umia
22 de abril 2025
Actualizado: 14:18

Este venres a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará un investimento de 114.798 euros do Plan +Provincia

Visita ao lugar de Couselo, en Cuntis
Visita ao lugar de Couselo, en Cuntis / Deputación de Pontevedra

O deputado provincial Ricardo Martínez visitou este martes Cuntis xunto co seu alcalde, Manuel Campos, onde anunciou que este venres a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará un investimento de 114.798 euros do Plan +Provincia para financiar integramente as obras de saneamento no lugar de Couselo.

Na actualidade o lugar de Couselo ten camiños interiores en moi mal estado de conservación, con gretas e fochas que dificultan o tránsito de vehículos e persoas.

A reforma procederá á súa mellora cunha nova pavimentación en formigón e aglomerado.

Ademais, construirase unha rede de colectores para dar servizo ás vivendas, dando continuidade á xa executada no lugar de O Pazo e quedando ambas pendentes dunha futura conexión cunha estación depuradora para poder entrar en funcionamento.

O prazo de execución é de dous meses.

O alcalde Manuel Campos reafirmou o seu compromiso "co desenvolvemento e benestar de todas as súas parroquias, impulsando proxectos que contribúan á modernización das infraestruturas e a mellora dos servizos para os seus cidadáns".

O deputado provincial Ricardo Martínez sinalou que a Cuntis correspóndenlle 633.208 euros do +Provincia 2025.

"Somos un goberno municipalista que escoitamos as demandas dos gobernos locais e atendemos as necesidades dos concellos", destacou.