O Pazo da Cultura de Pontevedra rexistrou este xoves longas colas de propietarios de terreos afectados polas obras de construción da Autovía A-57. Este venres seguen as citacións.
Están convocados polo Ministerio de Fomento que xa iniciou o proceso de expropiacións do tramo entre A Ermida (Marcón) e o concello de Vilaboa, o primeiro da chamada circunvalación de Pontevedra.
Na cita requírese aos titulares das leiras os números de conta para efectuar parte dos ingresos como pago compensatorio polas súas propiedades e demandar diversa documentación.
A intención do Ministerio é poder emitir canto antes as actas de ocupación. De feito, a empresa San José xa empezou a dar os primeiros pasos.
Na carta remitida polo departamento que dirixe a ministra Ana Pastor aos afectados infórmaselles de que xa están depositados os importes na Delegación de Facenda da Coruña.
A plataforma Salvemos A Fracha solicitara nun recurso a suspensión cautelar das obras polo que estimaran que a ocupación física dos terreos non podía realizarse ata que se pronunciase a Audiencia Nacional.