Fusión de Nadal e compromiso no Mercado Artesanal da Lama

A Lama
06 de decembro 2025

A terceira edición do evento, o 14 de decembro, contará con medio cento de artesáns e actividades centradas na loita contra a violencia de xénero, patrocinadas polo Pacto de Estado

Presentación do Mercado de Nadal da Lama
Presentación do Mercado de Nadal da Lama / Concello da Lama

O Concello da Lama e a Asociación de Nais e Pais Cal do Vergazo do CEIP da Lama presentaron a terceira edición do Mercado Artesanal de Nadal, unha cita que terá lugar o vindeiro domingo 14 de decembro no Pavillón Municipal de Deportes.

O evento, que se desenvolverá en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas, destacará pola súa oferta de artesanía local e un marcado compromiso coa sensibilización contra a violencia de xénero.

O alcalde da Lama, David Carrera, acompañado pola concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández, o edil de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, e membros da ANPA, subliñou a consolidación do mercadillo como "un espazo de encontro, dinamización económica e convivencia familiar".

Lembrou tamén que cada ano esta cita "medra en participación e propón actividades que reforzan valores sociais fundamentais, como a igualdade e o respecto".

Como principal novidade desta edición, o programa incluirá unha actuación musical do dúo "Desconcerto" ás 13:00 horas.

Este grupo interpretará versións de cancións populares do panorama musical español con letras revisadas especificamente para denunciar e condenar a violencia de xénero.

Ademais, levaranse a cabo obradoiros familiares orientados á promoción da igualdade e á detección e erradicación de comportamentos sexistas. Ambas actividades contan co patrocinio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Medio cento de artesáns participarán neste mercado solidario, ofrecendo unha ampla variedade de creacións únicas e produtos de elaboración propia.

As persoas asistentes tamén terán a oportunidade de degustar gastronomía mexicana e do servizo de bar da Comisión de Festas de Santa Ana e Santo Xoaquín, que ofrecerá bocadillos e outras propostas.

Arquivado en