O Consello de Ministros aprobou este xoves o financiamento dos novos descontos de até 75% nas peaxes da autoestrada AP-9, elevando a cantidade a 81,6 millóns de euros.
"Miles de galegos beneficiaranse destes novos descontos", destacou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
As novas bonificacións súmanse ás vixentes e afectarán aos vehículos lixeiros, incrementando tamén o desconto extra do 20 ao 50% a usuarios que realicen polo menos 20 viaxes ao mes e paguen con peaxe electrónica, e tamén aos vehículos pesados, que verán incrementado o desconto do 20% actual ao 50% desde a primeira viaxe.
"Unha vez máis, o ministro Óscar Puente cumpre con Galicia", indicou o delegado.
REACCIÓNS
O BNG destaca que esta aprobación no Consello de Ministros obedece ao paso previo para o cumprimento dun dos puntos do Acordo de Investidura conseguido polos nacionalistas gelegos para as novas bonificacións da AP-9
A senadora pontevedresa Carme da Silva avanza que o BNG seguirá a traballar "para e por Galiza" nas Cortes do Estado, e o deputado Néstor Rego pon en valor o traballo realizado pola súa formación.
Pola súa banda, os deputados provinciais do PP de Pontevedra veñen de rexistrar unha moción solicitando ao Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible a que proceda á conxelación das tarifas de peaxe da AP-9 a partires do 1 de xaneiro de 2025, "e que non se siga perxudicando á economía dos galegos" que a diario teñen que usar dita autoestrada para os seus desprazamentos.
Os 'populares' lembran que a AP-9 conta xa na actualidade con algúns treitos, emprazados principalmente na provincia de Pontevedra, coas peaxes por quilómetro "máis elevadas de toda España" e destacan que esta situación "vaise ver agravada novamente" a partires do próximo 1 de xaneiro pola actualización do seu prezo, "xa que se atisba unha suba de alomenos un 4%".