A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu este xoves luz verde á súa intención de ampliar o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para permitir o uso do subsolo destinado á conexión entre os edificios centrais do Museo de Pontevedra.
A decisión chega despois de que o vicepresidente provincial, Rafael Domínguez, remitise unha comunicación oficial solicitando ao Concello que expresase formalmente a súa disposición a prolongar o acordo.
O convenio, rubricado en maio de 2022, contemplaba a cesión gratuíta do espazo subterráneo necesario para executar a conexión entre os inmobles museísticos.
Aquel acordo establecía unha vixencia ligada á duración das obras ou, como máximo, de catro anos, prazo que remata este mes sen que os traballos chegasen a iniciarse.
A tenente de alcalde e responsable municipal de Patrimonio, Eva Vilaverde, reiterou o apoio do goberno local ao proxecto impulsado pola institución provincial e asegurou que o Concello manterá a súa colaboración para facilitar a execución das actuacións previstas.
Segundo lembrou a edil, o Concello xa cumpriu cos compromisos asumidos no convenio inicial, entre eles a cesión do uso do subsolo e a modificación do PEPRICA para facer viable a intervención urbanística necesaria.
O acordo afecta a unha superficie máxima de 355 metros cadrados situados baixo as rúas Sarmiento, Pasantería e García Flórez.
Co obxectivo de formalizar a prórroga, o executivo municipal solicita agora á Deputación que presente "á maior brevidade posible" unha proposta de addenda que concrete os novos prazos previstos para o proxecto.
O goberno local quere adaptar a duración do convenio ao calendario real que manexa a institución provincial respecto ao inicio e finalización das obras.
Vilaverde incidiu en que o Concello precisa coñecer con detalle as previsións da Deputación antes de pechar a ampliación do acordo, especialmente no relativo aos tempos de execución da conexión subterránea entre os edificios do Museo.