O Nadal inaugurarase formalmente en Caldas de Reis o vindeiro venres 28 de novembro, coa súa gran festa de acendido das luces.
Este ano a celebración será na Prazuela en lugar de nas Palmeiras e contará con música, chocolate, roscón e varias sorpresas.
O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destacou que a festa de acendido está a consolidarse como unha celebración de referencia que atrae a moita veciñanza e xente visitante.
Como xa é habitual, haberá unha conta atrás e un pulsador que activará o propio concelleiro, e que permitirá prender de vez os máis de 500.000 leds repartidos en máis de 1.000 metros cadrados de iluminación por toda a vila.
A festa comezará ás 19.00 horas coa animación musical da ‘Mekánica Rolling Band', a espectacular ‘electrocharanga’ chegada dende Negreira, cunha actuación que irá acompañada de sorpresas.
Ás 20.00 horas será o momento ‘estrela’, cando se pulse oficialmente o botón do prendido das luces. Iluminaranse os 67 arcos e os diferentes elementos decorativos elixidos para rúas e prazas.
Este ano manterase a cifra de luces do ano pasado, cunha potencia de 15.537 watios, o que supón unha proposta moi sustentable a nivel de consumo.
Para o tenente de alcalde, aínda que Caldas non poida competir coas grandes cidades a nivel de número de luminarias, si ten unha proposta de decoración moi atractiva que fai que haxa moito dinamismo nas rúas con xente chegada doutras localidades.
"A nosa vila está posicionada como un destino atractivo para vir durante a tempada de Nadal e o ambiente que xera entre a veciñanza é marabilloso. Iso nótase tamén no movemento no comercio local, así que entendemos que é un acerto total manter o investimento na iluminación e na decoración durante as festas", subliña Manuel Fariña.
As luces estarán acendidas ata o vindeiro 6 de xaneiro, despois de Reis, con horario de seis da tarde a dúas da madrugada, ampliándose nas datas sinaladas de Noiteboa e Fin de Ano.