Un incendio calcina unha vivenda-almacén con vehículos agrícolas en Arcos da Condesa

Umia
20 de agosto 2025
Actualizado: 17:20

Os Bombeiros do Salnés controlaron o lume que se declarou de madrugada nunha casa que gardaba maquinaria e madeira nesta parroquia de Caldas de Reis

Incendio en almacén particular en Arcos da Condesa
Incendio en almacén particular en Arcos da Condesa / Concello de Cuntis

Un incendio declarado de madrugada nunha vivenda empregada como almacén na parroquia de Arcos da Condesa, en Caldas de Reis, mantivo mobilizados durante horas aos efectivos de emerxencias.

O lume, que foi controlado polos Bombeiros do Salnés, afectou a unha edificación onde se almacenaban vehículos agrícolas e unha importante cantidade de madeira.

A alerta chegou ao 112 Galicia contra as 6:00 horas a través da Policía Local, que detectou o incendio na casa situada na parroquia caldense.

Inmediatamente, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou o dispositivo de intervención, mobilizando aos Bombeiros do Salnés, Garda Civil, Policía Local e persoal de Emerxencias de Cuntis, Portas, Caldas e Moraña. A primeiras horas da mañá tamén participaron na extinción bombeiros do parque de Vilagarcía de Arousa.

O persoal do distrito forestal da zona tamén foi informado do suceso, dada a presenza de material combustible no interior da vivenda e a proximidade de masa forestal.

O incendio non causou feridos, segundo confirmaron as fontes de emerxencias. O propietario reside nunha vivenda en fronte do inmoble onde se rexistraba o incendio.

Os bombeiros conseguiron controlar o lume e, a primeiras horas deste mércores, traballan para atallar completamente os restos do incendio que aínda persiste no interior da edificación onde había almacenada diferente maquinaria agrícola, leña e capachos para as uvas.

As causas do incendio non foron determinadas aínda.