Un incendio causa danos nun bar de Caldas e obriga a desaloxar dous edificios "por precaución"

Umia
24 de maio 2025
Actualizado: 20:51

O lume iniciouse sobre as 13.00 horas deste sábado supostamente na cociña dun bar da rúa Campo da Torre. Arderon boa parte das instalacións, pero non houbo danos persoais, segundo o 112 Galicia

Incendio na terraza dun local en Caldas Protección Civil de Cuntis

Un incendio iniciado sobre as 13.00 horas deste sábado nun bar de Caldas de Reis deixou importantes danos no establecemento e obrigou a desaloxar "por precaución" dous edificios da zona. 

O bar afectado é coñecido como A Horta de Manolo e, segundo as primeiras informacións, o lume tivo a súa orixe supostamente na cociña do negocio. Segundo distintas fontes, iniciouse nunha frixideira.

Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, foron desaloxados os dous edificios lindeiros. Víronse afectadas, segundo a información do 112 Galicia, preto de 60 persoas. 

O 112 Galicia indicou que "por fortuna" ninguén resultou ferido no incendio. 

Ata o lugar do incendio trasladouse un amplo dispositivo de emerxencias. Foron, entre outros, os Bombeiros do Salnés dos parques de Ribadumia e Vilagarcía e Protección Civil de Caldas e Cuntis.

Logrouse a "completa extinción" e, como resultado do incendio, ardeu "boa parte" das instalacións.

Segundo o 112, o lume acabou por estenderse polo resto da cociña, a barra do bar e a terraza, uns 5.000 metros de terreo.

Incendio nun local en CaldasProtección Civil de Cuntis