As 42 tendas que Kiddy's Class ten en España pecharán as súas portas, entre elas a de Pontevedra. Así o decidiu Inditex, que a partir de agora centralizará toda a súa oferta de roupa infantil baixo a marca Zara Kids.
A tenda pontevedresa, aberta na rúa Peregrina desde o ano 2006, é unha das tres que Inditex conservaba en Galicia, xunto coas de Ribadeo e Ribeira.
O futuro dos establecementos de Kiddy's Class estaba no aire desde que Zara absorbeu a filial de moda infantil de Inditex, pero non se confirmou ata que se pechou un acordo para recolocar a todo o persoal afectado, uns 300 traballadores en total.
Así, o acordo con Comisións Obreiras, o sindicato maioritario en Inditex, recolle o compromiso de recolocar a todo o persoal na tenda máis próxima de Zara que, no caso de Pontevedra, será a situada na confluencia de Benito Corbal e Sagasta.
Haberá ademais a posibilidade de ofertar postos vacantes noutras marcas, no caso de que non exista dispoñibilidade no establecemento de Zara máis próximo.
O acordo entre CC.OO e Inditex regula ademais as indemnizacións en caso de rescisión de contrato, que só poderán solicitar as traballadoras se sofren unha "modificación substancial" das súas condicións laborais e que oscilará entre os 33 e os 45 días por ano traballado.
Os motivos, entre outros, que o novo centro de destino estea a máis de 25 quilómetros, o cambio de contrato de luns a domingo ou prexuízos económicos vinculados ao cambio de funcións ou responsabilidades. Recibirían ademais primas por distancia e antigüidade.
Tras resolver o futuro dos traballadores, Inditex avanza nos seus plans para pechar toda a rede comercial das súas tendas de Kiddy's Class, que esperan materializar de maneira progresiva entre os meses de xullo e setembro.