As obras de renovación integral dun dos parques infantís situado en As Palmeiras estréanse con motivo do inicio do curso escolar. As obras foron acometidas polo servizo municipal de Parques e Xardíns, da concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural que dirixe o concelleiro Iván Puentes.
Os traballos contaban cun orzamento de 48.194 euros e a súa execución supuxo a retirada do pavimento anterior xa deteriorado para a instalación dun novo; a reparación de todos os elementos de xogo e o cambio daqueles que se presentaban nun avanzado estado de desgaste polo uso.
A intervención centrouse na mellora da calidade e das condicións de seguridade deste espazo, atendendo o proceso de certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac) ao verificar que cumpren coa normativa europea e o decreto autonómico que regular a seguridade destes recintos para uso infantil, como sucede no resto de parques de xogo na cidade.
Nestes traballos, segundo sinalou o concelleiro Puentes, elimináronse tamén as pintadas e tratáronse os compoñentes metálicos dos espazos de xogos, ademais de cambiar as redes ou a randeeira con forma de cesta, unha das principais atraccións deste concorrido parque. O pavimento tamén foi nivelado e renovado cunha capa de caucho e instalación de céspede artificial.
O outro parque de As Palmeiras, destinado a escolares entre 3 e 12 anos, xa fora reformado na primavera cun orzamento superior aos 43.800 euros.