O Concello de Pontevedra procederá a "abrir progresivamente" as instalacións deportivas da cidade que houbo que pechar, xunto cos parques e xardíns, ás 15.00 horas do domingo polo paso do temporal Herminia.
A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, fixo balance este luns das incidencias do temporal e sinalou que abrirán "unha vez que se van revisando" e cando se confirme "que non haxa problemas".
A idea é que queden abertas e "ir restaurando a actividade deportiva", segundo sinalou a concelleira.
A responsable municipal valora que "afortunadamente, en Pontevedra non temos que lamentar consecuencias graves deste temporal".
O Concello mantivo activos todos os servizos habituais ante este tipo de alertas, augas, mantemento urbano, rural, limpeza, policías, bombeiros e voluntarios de Protección Civil. "Todos estiveron en alerta", afirma.
Segundo a súa valoración, "sen dúbida, o momento máis complicado foi o domingo pola tarde", cando tivo lugar o maior número de incidencias, aínda que "a maior parte delas foron leves".
Así, detalla que houbo contenedores que se moveron, caída de árbores, chapas soltas ou materiais que se desprenderon de fachadas e algunhas provocaron que fora necesario cortar rúas "mentres se solucionaba o problema concreto".
Entre os incidentes, "máis graves", Vilaverde cita que dúas bicicletas que estaban amarradas nunha terraza dun edificio da rúa Loureiro Crespo "voaron co vento e caeron enriba dun coche". Neste caso, "por sorte, non pasaba ninguén pola rúa e non houbo que lamentar nada máis".
Tamén cita unha árbore que caeu no aparcadoiro de Montecelo sobre dous coches.
Ademais, voou unha parte da carpa do recinto feiral, pero tampouco houbo danos maiores pola "rápida intervención" dos servizos técnicos municipais, policías e bombeiros. Xa "estaban pendentes" e cortaron a rúa para evitar problemas maiores e despois os bombeiros e a empresa responsable da instalación desmontaron e cortaron a carpa "para evitar calquera tipo de perigo que puidese supoñer que voase a carpa".
Este luns, a xornada está "tranquila" e desde o Concello agardan que "isto siga así, calmado, e que o tempo nos dea unha tregua para estar tranquilos".