Ata 21 municipios da provincia de Pontevedra contarán a partir do vindeiro mes de decembro con zonas de descanso verdes dotadas de diferentes prestacións, segundo o municipio, como cargadores solares, puntos de recarga, asentos, iluminación, paneis informativos ou xardineiras. Entre estes concellos están os de Bueu, Caldas de Reis, Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Poio ou Ponte Caldelas.
É unha das accións que se están a levar a cabo a Deputación de Pontevedra ao abeiro dos proxectos "Da túa man", dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e "Commerce Inside", dirixido a concellos turísticos.
Os proxectos, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70% do orzamento, buscan favorecer o comercio polo miúdo e axudarlle a abordar os retos dixitais aos que se enfrontan na actualidade os establecementos de proximidade.
A deputada delegada de Promoción Económica e Emprego, Raquel Giráldez, xunto co alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, comprobaron o avance no estado dos traballos de instalación das zonas de descanso, que comezaron esta semana e rematarán nos primeiros días de decembro.