Instan á cidadanía a mobilizarse "masivamente" contra a liña de alta tensión Os Cotos-Ponte Sampaio

Pontevedra
16 de setembro 2023

O BNG mantivo este sábado unha reunión con colectivos e persoas dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Pontevedra para informar e coordinar todas as accións de resposta contra a liña de alta tensión do parque eólico dos Cotos cara a parroquia de Ponte Sampaio

Encontro do BNG pola liña de alta tensión Os Cotos-Ponte Sampaio
Encontro do BNG pola liña de alta tensión Os Cotos-Ponte Sampaio / BNG

O BNG mantivo este sábado unha reunión con colectivos e persoas dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Pontevedra para informar e coordinar todasas accións de resposta contra a liña de alta tensión do parque eólico dos Cotos cara a parroquia de Ponte Sampaio.

Os nacionalistas consideran que o seu trazado é unha "agresión" ao territorio, xa que atravesa numerosos núcleos habitados e vai causar unha "grande afección" tanto ao patrimonio natural e forestal como ás augas e á calidade de vida das persoas dos núcleos polos que pasaría. 

"Imos levar a cabo accións de mobilización social e de recollida de alegacións para demostrar que hai un grande rexeitamento a este proxecto", afirmou o deputado Luis Bará, ademais de levar o debate ás distintas institucións, desde os concellos afectados ao Parlamento galego. 

Bará quixo salientar tamén a importancia que ten neste momento a vía xudicial polos recursos que hai presentados ao parque eólico dos Cotos, que afecta a seis parroquias de Cerdedo- Cotobade, e que poderían levar á anulación deste proxecto.

De ser así, decaería a liña de alta tensión prevista entre Os Cotos e Ponte Sampaio. 

Pero o deputado aclarou que, con independencia do que pase co parque eólico, "é importante que a veciñanza se organice, que se mobilice masivamente e que presente alegacións para evitar este atentado contra a vida no rural, contra o medio e contra o futuro das nosas parroquias".