Jacobo Moreira (Santiago de Compostela, 1973) leva apenas ano e medio como portavoz municipal do Partido Popular en Pontevedra. Tras superar unha crise interna que se saldou coa saída de tres edís, "que xeraban certo malestar no grupo", asegura que está no seu mellor momento como xefe da oposición. Rodéalle un equipo "que me ten sorprendido pola súa capacidade de traballo" e cre que a cidadanía o ve xa como alternativa de goberno.
Precisamente o actual alcalde, Miguel Fernández Lores, é o branco de todas as súas críticas. "ÿ unha persoa sen ilusión, véselle canso" e, segundo Moreira o peor é que "non resolve os problemas dos cidadáns, afíxose a unha situación tal que se dedica a reinar e non a gobernar". Por iso está convencido de que, nas eleccións de 2015, "sexa quen sexa" o candidato do PP "acertaremos e farémonos coa alcaldía".
Hai ano e medio substituíu a Telmo Martín como portavoz do PP en Pontevedra. Botando a vista atrás, que balance faría deste traballo?
Para min foi un reto coller o grupo. No seu momento, toda unha responsabilidade. Pero creo que lle tomamos ben a medida e o pulso a Lores. Temos unha boa liña de estratexia. Buscamos principalmente fiscalizar ao goberno municipal, controlar a xestión que fai dos recursos públicos, as obras e os seus compromisos, pero calquera crítica pola nosa banda vai sempre acompañada dunha proposta. Estámonos mostrando claramente como unha alternativa de goberno. E iso a xente percíbeo.
Estamos marcando moi de cerca o territorio a Lores. A proba máis evidente é que cada vez sae menos, está escondido. Cando hai un problema nunca está. Só sae cando pode utilizar o problema ou a esa xente para facer política. A Lores só lle interesa na medida que pode sacar mollo. ÿ moi duro pero é así. Ou mollo político para buscar rendibilidade e atacar a un goberno do PP ou mollo económico, porque para o único que lle interesa os cidadáns é para subir os impostos e as taxas.
Ese é o resumo que faría destes dous últimos anos de goberno?
ÿ que proxectos está claro que non hai. Pasamos xa o ecuador da lexislatura e a única obra medianamente visible é un carril bici na Ponte dos Tirantes. Agora adxudicáronse algunhas obras e, deixando á marxe Santa Clara, o resto como moito son 200.000 euros de investimento. O exemplo claro é Benito Corbal, onde só se poñerán empedres para igualar beirarrúas. E o venderon como a obra do Escorial.
"Non hai xestión e non hai obras. Non hai investimento e non hai creación de emprego. O único que hai é unha operación de marketing moi boa"
Non hai xestión e non hai obras. Non hai investimento e non hai creación de emprego. Desde que chegou Lores, a cifra de parados en Pontevedra duplicouse. Hoxe superan os 8.000. O único que hai é unha operación de marketing moi boa. O que Lores ofreceunos simplemente é un plano chamado Metrominuto e creo que pretende seguir vivindo con iso os escasos dous anos que lle quedan de lexislatura.
Vostedes denunciaron publicamente as malas relacións que, segundo a súa opinión, hai entre BNG e PSdeG-PSOE. Existe unha crise no seo do goberno?
Votaron de forma contraria no pleno, metéronse publicamente entre eles... O único que os mantén unidos é o vínculo económico, os soldos dos concelleiros. En plena crise, non se lles ocorre outra cousa que aumentar o custo de goberno. Esa maquinaria hai que sustentala dalgún xeito: subindo impostos e taxas, pagando máis ao guindastre ou co multamóbil para que arrase a cidade. Tratan de sangrar aos cidadáns para cadrar as contas.
O goberno presume da saúde económica das arcas municipais. Vostedes creen que non é así? Débenos preocupar a situación financeira do Concello?
Tan cadradas as contas non están, porque incurrimos en inestabilidade presupuestaria. Houbo que facer un plan económico e financeiro e estivemos tutelados por outras administracións. En marzo dixéronnos que había superávit no orzamento e logo decatámonos por Facenda que houbo déficit. Cando un goberno mente a ese nivel, resulta preocupante. E hai outras cousas que non podemos saber porque acceder a esa información é complicado. Esa é outra asignatura pendente de Lores, a transparencia.
O que criticamos é a mala xestión. Non che vou a dicir que o Concello está en creba. Pero tírase moito diñeiro. Despilfárrase en cousas absurdas e logo falta diñeiro para o importante. E por non falar de que Lores dedícase a engordar empresas multinacionais e corporacións estranxeiras prorrogando contratos de forma irregular. Iso pola mañá. Pola tarde ponse o traxe de indignado e clama contra un sistema cruel e corrupto. Un que el está alimentando.
Tamén foron vostedes moi críticos co modelo de cidade. Non cre que, logo de todos os recoñecementos recibidos, pódeselles ver como os 'inimigos' dese modelo?
"Se falas de peonalizar, o primeiro en facelo foi Juan Luís Pedrosa. Se non seguiu con elo é porque non puido. Deixou de gobernar"
Para empezar, pediríalle ao goberno local que me definisen que modelo de cidade. Non sé cal é ese modelo. Se falas de peonalizar, o primeiro en facelo foi Juan Luís Pedrosa. Se non seguiu con elo é porque non puido. Perdeu as eleccións. E en todo caso trátannos de poñer unha etiqueta de que estamos en contra da peonalización e iso non é certo. Pero unha cidade non se pode cinguir só a iso. Sobre todo cando non está plasmado nun PXOM.
E dígoche máis. Tanta aceptación non ten, porque se fose tan exitoso e todo o mundo o aceptase, Lores gañaría por maioría absoluta. Este señor xamais gañou unhas eleccións ao PP. Trata de infundir a sensación que todo o mundo adora o que fai e non é así. Temos moitas carencias: transporte público, unha circulación de tráfico adecuada e, sobre todo, falta de diálogo cos cidadáns. Teñen que empezar a pensar que o principal problema de Pontevedra non é a peonalización, senón buscar un emprego.
Dentro dese modelo que papel xoga ENCE? ÿ partidario o PP de que permaneza na súa actual ubicación máis aló de 2018?
Iso é o que lle interesa trasladar ao BNG, que leva 14 anos aquí e gobernaron na Xunta e non moveron un dedo para trasladar ENCE. Creo que o que falou máis claro neste tema é o PP. Cando chegou Feijóo aprobouse o plan de ordenación do litoral que incluía unha disposición específica sobre ENCE, sobre as previsións de que facer con eses terreos cando se vaia a empresa en 2018.
ÿ certo que hai unha nova lei de costas e é certo que hai posibilidade de que certas industrias pidan prórrogas. Pero nin ENCE pediu esa prorroga nin o PP cambiou de postura. Está moi claro no noso programa. Esa concesión acaba en 2018. Pode pedir unha prórroga, por suposto, pero a última palabra é da Xunta de Galicia e eu sei o que opinan dese tema, igual que os cidadáns. A Lores ENCE só lle interesa como bandeira política e se é contra un goberno do PP, mellor.
E o Hospital de Montecarrasco?
Foi unha promesa de Feijóo e déronse moitos pasos para facelo. O sorprendente é que un alcalde poña trabas para un hospital de 200 millóns, torpedeando cada paso nos xulgados. Alégrome que se deran conta e deixen de pleitear sobre este tema. Creo que Lores no fondo sabe que non pode deixar de ser alcalde e ser recordado como o que se opuxo ao hospital. Deuse conta que deixaría un mal recordo. Polo ben de Pontevedra espero que Lores e Louro colaboren cos pasos que se dean a partir de agora.
Está contento o PP cos investimentos realizados pola Xunta en Pontevedra?
Os grandes investimentos en Pontevedra fixéronos todas as administracións menos o Concello. O Ministerio de Fomento co AVE, a circunvalación que se inicia agora, acabouse o Nó do Pino tras solucionar os problemas que deixou o PSOE; e a Xunta terminando a estrada Pino-Bora, executando o saneamento do rural, comprometendo un novo edificio xudicial e agora, os 200 millóns do hospital. Dicir, como di Lores, que o PP non inviste en Pontevedra é faltar á verdade e a xente dáse conta.
Non me gustaría concluír a entrevista sen falar da situación do PP local. Para cando o congreso para substituír a Telmo Martín á fronte do partido?
ÿ algo que veñen demandando os afiliados, que haxa un equipo novo e formado traballando xa para as próximas eleccións. Pero o partido ten os seus calendarios. ÿ un aspecto interno e orgánico que se levará a cabo dentro de pouco tempo. Tómomo con total normalidad. Esperábase moito antes, iso é certo, pero creo que as cousas sairán razonablemente ben.
Vostede xa dixo que se presentará, preocúpalle que o faga máis xente?
"O que teño claro é que o candidato do PP no 2015 será o mellor posible para o partido. Non sei quen será, pero acertaremos"
Non, eu creo que é bo. Pase o que pase, algúns nos van criticar. Se hai varios candidatos dirán que non hai unidade, se hai un só que é a un congreso á búlgara. Eu creo que se hai varios candidatos é mellor porque se poderá elixir, pero se finalmente presentoume só eu é porque os meus compañeiros crerán que é a mellor opción. Eu sento ese apoio, non teño ningunha queixa. Pero sexa como sexa, non me preocupa. O importante é que o partido estea ben.
E será Jacobo Moreira o candidato ás eleccións municipais de 2015? Gustaríalle?
Para iso queda ano e medio e, como se adoita dicir, en política é moito tempo. O que teño claro é que o candidato do PP será o mellor posible para o partido. Non sei quen será, pero acertaremos. Lores leva xa 14 anos e se botas a vista atrás, fixo cousas interesantes e bonitas, pero hai demasiados problemas cruciais que non se solucionaron. Con catro anos máis tampouco o solucionará. Hai que buscar outra opción. E cada vez máis xente ve un relevo no PP. Este goberno xa non ten ideas.
E non cre que as políticas de austeridade e recorte, impulsadas polo Goberno de Mariano Rajoy, poden facer mella nas súas posibilidades?
As siglas do partido poida que teñan algo de influencia, aínda que hai que recordar que non o tivo nas autonómicas. Pode influír, pero pouco. Eu confío que en 2015 se vaia visualizando que todo este sacrificio destes anos vai ter recompensa e que a xente poida ver que valeu para algo. Espero que a situación da economía remonte. Xa hai síntomas e cando a xente percíbao na súa contorna, entenderán que estas medidas tan duras eran necesarias. Eu confío en que sexa así e que no canto de prexudicarnos, nos beneficie.