A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa fixeron entrega este xoves, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, dos Premios GirlGeekCovid da Cátedra de Feminismos 4.0. que distinguen os mellores currículos académicos das alumnas matriculadas en enxeñarías ou ciencias nos campus da provincia e tamén a súa motivación á hora de estudar. As premiadas foron Laura Sánchez, Ana Ramírez, María Elena Márquez e Iria Ollero.
Segundo o Observatorio da Igualdade da Universidade de Vigo, as alumnas son maioría en todos os campos do coñecemento, excepto no da enxeñería e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total de estudantes matriculados.
A presidenta da Deputación advertiu de que esta infrarrepresentación pode xerar unha enorme fenda económica e salarial nun futuro no que se espera que o 90% dos traballos vai pertencer a estes ámbitos.
Carmela Silva que "os datos preocúpannos á xente que queremos que o mundo avance e deixe de deixarnos na cuneta". Segundo dixo a mandataria provincial "ocúltanse as mulleres referentes desde a educación infantil, e as nenas entenden que é cousa de homes. Temos problemas moi serios".
Estes premios pretenden para facer fronte a esta situación e fomentar a presenza de mulleres no campo científico e tecnolóxico nas denominadas carreiras STEM un termo que ven do acrónimo dos termos en inglés Science, Technology, Engineering and Mathematics (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Carmela Silva agradeceu o traballo desenvolvido pola Cátedra de Feminismos 4.0. "da que sentimos moito orgullo" engadindo que "agardo que moitas institucións e universidades nos copien, porque as ideas que xorden son moi potentes".
Finalmente a presidenta asegurou que dende a Deputación de Pontevedra "comprometémonos a mudar as cifras. O mundo transfórmase con intención e acción".
O primeiro premio na rama de Ciencias foi para Ana Ramírez, alumna do Grao en Bioloxía cunha media de 8,68. Na súa intervención afirmou que as mulleres "debemos reivindicar o papel que xogamos nesta área e visibilizar todos os nosos logros. Neste mundo debemos enfrontar moitas dificultades por ser mulleres".
O Accésit na rama de Ciencias foi para Laura Sánchez, alumna do Máster de Nanociencia e Nanotecnoloxía cunha media de 7,97. No seu discruso de agradecemento recoñeceu que "ata un ano antes pensei que ía estudar Artes. Tiña medo, pero estou contenta coa miña decisión".
O primeiro premio na rama de Enxeñarías foi para Iria Ollero, alumna do Grao en Enxeñaría Biomédica cunha media de 8,9. Iria comentou que "nos meus estudos as mulleres somos o 50% pero falta moito por facer. Con este premio dáse un paso adiante á nosa visibilidade".
O Accésit na rama de Enxeñaría foi para María Elena Márquez, alumna da Enxeñaría de Telecomunicacións cunha media de 8,83. Ela sinalou que na súa decisión "tiven apoio da familia e profesorado, pero ata chegar á Universidade non fun consciente do traballo necesario para seguir motivando ás nenas".
O primeiro premio está dotado con 2.000 euros e ten un accésit de 1.000 euros en cada rama (Ciencias e Enxeñería).