Lepanto terá plataforma única e tráfico limitado a residentes e servizos

Pontevedra
07 de marzo 2018

O anteproxecto de reforma integral da rúa Lepanto está "practicamente acabado". Así o desvelou este mércores o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que avanzou algúns detalles dunha actuación comprometida cos veciños do barrio

Rúa Lepanto
Rúa Lepanto / Mónica Patxot

O anteproxecto de reforma integral da rúa Lepanto está "practicamente acabado". Así o desvelou este mércores o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que avanzou algúns detalles dunha actuación comprometida cos veciños do barrio.

Lepanto, unha vez remodelada, pasará a ter plataforma única e o tráfico estará limitado a residentes e servizos. Trátase dunha solución similar ao que teñen rúas como Michelena ou Gutiérrez Mellado, aínda que o seu aspecto estético aínda está por determinar.

Os técnicos terán terminado o anteproxecto terminado a próxima semana. Será entón cando o goberno municipal convoque aos veciños a unha asemblea informativa para estudar a actuación deseñada e que poidan propoñer melloras ou reformas non contempladas.

Tras ese encontro elaborarase o proxecto definitivo e poderase iniciar o proceso para licitar e adxudicar a obra canto antes.

Demetrio Gómez agradeceu o traballo dos técnicos municipais para que se puidese cumprir o compromiso alcanzado cos veciños de presentar o proxecto de obra antes de que terminase o actual mes de marzo.