O Concello de Soutomaior acaba de licitar o proxecto para a reforma integral do peche exterior do campo de fútbol municipal Graciano Padín.
A reforma tamén contempla o cambio das redes protectoras detrás de ambas as dúas porterías do campo e a renovación do actual sistema de rego.
O proxecto foi redactado por InfoUrban e suporá un investimento de máis de 120.000 euros ao abeiro dos fondos extraordinarios de Infraestruturas Deportivas da Deputación Provincial.
O proceso de licitación iniciouse a semana pasada e responde á intención do Goberno local de subsanar as numerosas eivas e desperfectos que o muro principal ten desde hai anos.
Esta reforma supón a segunda fase do arranxo do campo Graciano Padín. En 2024, xa investiu case 60.000 euros no arranxo do acceso principal ao recinto deportivo e en varias infraestruturas e 20.000 euros na instalación dun sistema de aerotermia nos vestiarios, aforrando notablemente o consumo de combustible e mellorando a eficiencia enerxética.
Unha vez se execute esta segunda fase da reforma integral, o Goberno de Soutomaior terá investido máis de 200.000 euros na adecuación do campo.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que grazas a este "importante esforzo" do Goberno de Soutomaior, "o campo deixará de estar no século pasado e pasará a ser un recinto deportivo do século XXI, poñéndose á altura doutras instalacións deportivas municipais nas que tamén se están a realizar importantes actuacións".
Neste sentido destacou os 65.000 euros que o Goberno de Soutomaior realizou no campo de Salgueirón.
Os dous campos son empregados cada semana por preto de 500 rapaces e rapazas do concello e cada fin de semana reciben a centos de persoas.
Manu Lourenzo tamén sinalou que "hoxe en Soutomaior fanse máis obras e investimentos ca nunca grazas a unha xestión económica referendada polos informes de intervención e secretaría, que nos vai permitir destinar máis de 3 millóns de euros en 2025 a investimentos en obras e proxectos".