Localizan un artefacto explosivo antigo nun trasteiro de Lérez e descartan que supoña perigo

Pontevedra
10 de decembro 2025
Actualizado: 12:59

Atopouno a propietaria que herdou a propiedade, en Médico Ballina. Descoñece de onde saíu, aínda que indica que 20 anos atrás viviron militares de aluguer. Acudiron os TEDAX

Número 1 de Médico Ballina
Número 1 de Médico Ballina / Cristina Saiz

A Policía Nacional investiga un artefacto explosivo que se localizou na tarde deste martes na rúa Médico Ballina, na parroquia pontevedresa de Lérez.

O artefacto localizouno a propietaria dunha vivenda situada no número 1 desa rúa. Segundo relatou, herdou a propiedade e localizouna nun trasteiro

A muller relatou á Policía Nacional que descoñece de onde puido saír o artefacto, aínda que sabe que 20 anos atrás viviron nesa casa de aluguer persoas que traballan como militares.

Segundo a información facilitada polo 112, a muller contactou sobre as 17:45 horas indicando que localizaran o artefacto mentres estaban a limpar o trasteiro, ao que non acudían desde hai anos.

O artefacto é pequeno e ten forma de bala grande, segundo indican no 112.

Até o lugar desprazáronse efectivos dos TEDAX (Técnico Especialista en Desactivación de Artefactos Explosivos) da Policía Nacional.

Segundo indican fontes policiais, en principio, non detectan ningún perigo porque todo apunta a que o artefacto xa estaba percutido, isto é, non funcionaría.