"O Bloque ten unha desconexión total e absoluta do que é o territorio da provincia"

Pontevedra
25 de xullo 2025
Actualizado: 8:59

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, fala con PontevedraViva sobre como afronta os dous anos que restan de mandato do Partido Popular na administración provincial

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Cristina Saiz

Superado o ecuador do seu mandato, Luís López xa deu conta desta primeira etapa como presidente da Deputación de Pontevedra e fala con PontevedraViva dos dous anos que ten por diante, como os afronta?

Os retos son os do proxecto que iniciamos hai dous anos. Entón xa tiñamos clara cal ía ser a nosa acción de goberno. A nosa maneira de gobernar non vai por ciclos de mandato, nin estamos condicionados por ningún tipo de eleccións, senón que sabemos o que queremos desta provincia a longo prazo. Coa variable de que, independente de quen veña o día de mañá ou o que saia dun proceso electoral, que lle poida dar continuidade porque é bo para a provincia.

Cando chegamos á Deputación non collemos e varremos con todo o que había, non, se hai cousas que se fan ben pois esas hai que mantelas e as que non estaban tan ben temos que tratar de melloralas e as que se facían mal ou non se facían, polo de pronto poñelas en marcha.

Hai algo que queira corrixir? Veremos algún cambio proximamente?

As correccións ou as cousas novas veñen sempre en base ao que recibimos da rúa. O noso proxecto baséase na escoita. Sempre buscamos estar en contacto coa rúa, cos alcaldes e alcaldesas, coa veciñanza, para recibir toda esa información. Isto fai que teñas máis posibilidades de acertar, de atender as necesidades reais dos veciños e das veciñas.

Nestes dous anos xa son varios os cambios no equipo de goberno forzados por saídas de deputados como Marta Fernández-Tapias, José López Campos, Isabel Couselo… haberá nomes novos no executivo provincial?

Temos claro o que queremos, temos claro cara a onde queremos ir, e logo que aquí hai outra compoñente: os equipos que temos, empezando polos propios empregados da casa. Aí temos as xefaturas de servizo xa moi ben definidas, a introdución de figuras que antes non había como as Direccións. Recentemente incorporamos unha Dirección de Deportes que non había, unha Dirección de Turismo, con perfís tremendamente coñecedores deses ámbitos. Se hai algún cambio de nomes, ou o que sexa, o barco vai seguir co mesmo rumbo, xa digo, os nomes para nada condicionan. Aos feitos me remito.

Luis López, presidente de la Deputación de Pontevedra
Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra   Cristina Saiz

Con quen consulta Luís López as súas decisións?

Cando teño algo en mente, meses atrás, empezo a sondear de maneira que ninguén se decata. Ao interesado ou interesada, a ese xamais lle pregunto. E logo, pois, preguntar, preguntar, preguntar pero de maneira súper discreta. Cando teño a decisión tomada gardo un hermetismo total e absoluto e adoito dicirllo a persoa interesada, mesmo horas antes.

E por que fai así?

É por un tema de discreción. Por non andar con conxecturas, teño convocada algunha rolda de prensa e chamar á persoa afectada media hora antes e dicirlle: mira, ven aquí, ti vas ser o encargado. É por un tema de discreción.

A ex presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou esta semana sentir "vergoña" pola actual Deputación. Como valora estas declaracións?

Iso hai que ver tamén de quen vén. A concelleira de Vigo, a anterior presidenta, pois, é pasado.

Se cadra ela é a única que non se deu conta de que é pasado. No seu partido sábeno. Dun pasado ademais onde se hai unha palabra que sobresae por encima de todo é "cuñada". E con isto, xa o digo todo.

En política hai que saber asumir as cousas e ela aínda non asumiu que perdeu a Deputación.

Tamén dixo Carmela Silva que o seu mandato, a presidencia de Luís López, está "chea de irregularidades" que pronto desvelaría o PSOE, que responde a isto?

Non o sei, salvo que sexan as propias, as que se refiren ao caso cuñada de ela… que hai unha condena. Nunca houbo explicacións na Deputación. Ela foi a que deu a orde para que se contratase á súa cuñada para que lle pagasen por non ir traballar. No que se refire á Deputación? Confianza total e absoluta. Hai uns técnicos excepcionais e todos os procesos son exquisitos. Ela sábeo ben que estivo alí. Así que tranquilidade total e absoluta. E se hai calquera cousa xa están a tardar en levala a sede xudicial.

Luis López, presidente de la Deputación de Pontevedra
Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

Non é o único encontronazo recente, certo que nun ton moito máis tranquilo, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e vostede evidenciaron as súas discrepancias publicamente sobre os cartos que a Deputación destina ao convenio co Concello da capital. Son posturas inamovibles ou se poderá chegar a algún acordo entre ambas administracións?

A cordialidade existe. Que ocorre? Que nós imos moi por diante do que o alcalde pide. Si collemos os números, son datos, estamos a falar de case 28 millóns de euros en dous anos investidos pola Deputación en Pontevedra. O alcalde fala deses 2,5 millóns de euros e reclama máis en base ao IPC. Que dito sexa de paso, Lores canto máis reclama á Deputación está a deixar mal ao bipartito e ao seu tenente de alcalde César Mosquera, porque estivo alí no goberno oito anos e non houbo actualización de IPC de ningún tipo.

Dito isto, pois nós estamos a afrontar obras, investimentos, colaboracións importantes co Concello de Pontevedra. Vimos agora do tríatlon, xa estamos a falar dos Feroz do ano que vén, proxectos estratéxicos que temos aí en Tomeza onde imos realizar un investimento de 1,7 millóns de euros e logo aparte a Bienal, Santa Clara, en fin… datos, case 28,2 millóns de euros, é moito máis do que el reclamou.

Nese último encontro co alcalde de Pontevedra, a petición da nosa compañeira a fotógrafa Cristina Saiz, tiráronse uns penaltis e vostede antes de xutar a gol dixo: "Eu sempre pola dereita". Que é facer política de dereitas na Deputación?

Na nosa acción de goberno, concho, aí está. Pero non deixamos de ser unha administración moi próxima ao veciño, aos case un millón de habitantes, e aí o que che permite non son políticas de dereitas ou de esquerdas, senón a política que atende as necesidades reais dos veciños. Iso eu non o defino como de esquerdas nin de dereitas. Si é certo que nos define como partido, se falamos do Partido Popular estamos a falar de que somos un partido de solucións, non somos un partido do caos, somos un partido de estabilidade, de rigor, de proxecto. Iso é o que nos define.

Luis López, presidente de la Deputación de Pontevedra
Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

No goberno provincial con quen é máis fácil chegar a acordos: co PSOE ou co BNG?

A nivel de Deputación, o PSOE é Vigo e o PSOE de Vigo é confrontación pura e dura. Non é querer chegar a acordos. O estilo, as formas que viamos na concelleira Carmela Silva nas súas declaracións, o non polo non. Cando hai debates que lles molestan non se presentan nos plenos ou abandonan, iso pois, loxicamente, lastra moito o poder ter negociacións ou querer chegar a acordos cun partido como o PSOE.

Eu non sei si eles pensan que con ese modelo de confrontación, de estar á gresca continuamente de Vigo, pensan que exportalo ao resto da provincia é exitoso. E non. En base aos primeiros resultados electorais dinche que non é así.

E co BNG?

O Bloque ten unha desconexión total e absoluta do que é o territorio da provincia.

Nós, e iso é unha vantaxe, o Partido Popular somos o único partido que temos representación en todos os partidos xudiciais. Iso permíteche ter un coñecemento á perfección do conxunto da provincia, e o Bloque, pois non. Pode ter unha representación testemuñal en determinadas comarcas. De feito nas propostas que fai adoitan estar pensadas en dous ou tres sitios, nada máis. O resto da provincia pois non lle importa.

Luis López, presidente de la Deputación de Pontevedra
Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

Repite vostede moito a frase "este é o goberno máis municipalista da historia". Seica non o son todos nas deputacións?

Dentro dese marco competencial nós podiamos estar a outras cousas que non fosen os concellos. Facendo e destinando fondos para outras cousas. Iso é algo ao que nos negamos.

Cando falamos do municipalismo, tamén é co claro convencemento de que ninguén mellor cos alcaldes e as alcaldesas coñece as necesidades nos seus municipios.

En base a esa autonomía local e xa que as cousas hai que facelas con diñeiro, senón é imposible, pois queremos asignarlles a maior cantidade de fondos posibles a eses concellos. Esa é a maneira que tamén ti como Deputación tes para achegarche á poboación e implementar políticas que realmente lle interesan á xente.

E logo tamén hai outra parte importante que é o tecido asociativo. Eu creo que unha altísima porcentaxe de veciños da provincia están baixo o paraugas dunha asociación: de mulleres rurais, de veciños, comunidades de montes, de usuarios de augas…, e aí, cun importante esforzo, tamén queremos chegar absolutamente a todos. Nisto tamén os concellos benefícianse indirectamente.

Nestes dous anos que leva como presidente provincial, que é o que lle fai máis feliz ou do que está máis orgulloso?

Eu son de ter contacto continuo, a min gústame a rúa, e cando vexo o grao de satisfacción mostrado verbalmente, ou moitas veces é por asentimiento ou xestos corporais, de que cunha medida acertaches con ela. Iso é o que máis satisfacción me provoca.

E recibe moitas alegrías desas?

Si. Pero tamén é unha alegría cando me din que non acertei, porque automaticamente me permite enfocar todo para buscar o acerto. Así que son todo alegrías. Cando dinche o bo e cando dinche que non.

Luis López, presidente de la Deputación de Pontevedra
Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra Cristina Saiz