Luis López amósase optimista sobre a ocupación turística das Rías Baixas nesta Semana Santa

Pontevedra
01 de abril 2026
Actualizado: 13:28

O presidente provincial anunciou este 1 de abril que a Deputación mobiliza 3,4 millóns de euros para potenciar a atención social e o impulso deportivo nos concellos

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra este mércores 1 de abril
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra este mércores 1 de abril / Deputación de Pontevedra - Rafa Estévez

Malia tratarse dunha semana curta no calendario administrativo, a actividade na Deputación de Pontevedra validou investimentos que suman 3,4 millóns de euros.

O presidente provincial, Luis López, debullou este mércores os asuntos tratados na Xunta de Goberno, onde destacou o peso das políticas sociais, o apoio directo ao tecido deportivo e a cooperación técnica cos municipios a través do Plan +Provincia.

No plano turístico, a Xunta de Goberno aprobou un convenio co Concello de Forcarei por valor de 200.000 euros para o proxecto "Ecorruta Galicia por dentro".

Esta iniciativa permitirá, entre outros puntos, acondicionar o museo etnográfico de Soutelo e a Ruta das pontes do Lérez.

Precisamente sobre o turismo, o presidente amosouse optimista ante as previsións de ocupación para os vindeiros días.

Visitantes nas Rías Baixas
Visitantes nas Rías BaixasCristina Saiz

Segundo os datos que manexa a institución, o volume de reservas nas Rías Baixas sitúase en niveis moi elevados, o que demostra a fidelidade dos visitantes que elixen a provincia como destino recorrente, indicando tamén que moitas das reservas se rexistran a última hora durante estas datas de Semana Santa.

"Quen nos visita, repite; non se dan desenganchado das Rías Baixas", aseguraba Luis López.

TELEASISTENCIA

Outro dos eixes principais da sesión foi o impulso ao benestar social, área que conta este ano con máis de 24 millóns de euros xestionados desde Benestar Social e o Centro Príncipe Felipe.

Neste ámbito, o Goberno provincial deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de teleasistencia, cun orzamento de 800.000 euros para os vindeiros dous anos, prorrogables por outros dous.

Este programa está deseñado especificamente para municipios de menos de 20.000 habitantes e dá cobertura a preto de mil usuarios anuais.

O obxectivo é garantir unha resposta inmediata ante emerxencias para persoas en situación de vulnerabilidade, permitindo que os veciños con necesidades especiais poidan permanecer nos seus fogares con seguridade.

DEPORTE

O deporte ocupou un lugar central na comparecencia de López, quen anunciou a aprobación das bases para as axudas a clubs que participan en competicións de ámbito estatal.

A partida para este fin elévase ata o millón de euros, o que supón un incremento de 100.000 euros respecto ao exercicio de 2025.

Estas achegas estrutúranse en tres niveis, con contías que oscilan entre os 13.000 e os 38.000 euros, cubrindo ata o 40% do orzamento presentado polas entidades.

Os fondos irán destinados a sufragar custos de persoal, material, desprazamentos e gastos sanitarios. No último ano, este apoio chegou a 76 clubs repartidos por 24 concellos da provincia.

Ademais, a Deputación destinará 600.000 euros a infraestruturas deportivas dentro dun plan extraordinario. Entre as actuacións validadas este mércores salientan os 97.000 euros destinados a Barro para construír unha pista de pump track en Outeda, xunto á piscina.

Por outra banda, o Concello de Cerdedo Cotobade recibirá 111.000 euros para a mellora do pavillón municipal de Tenorio.

A cooperación cos concellos a través do Plan +Provincia, dotado con 85 millóns de euros este ano, permitiu este mércores desbloquear 1,4 millóns de euros.

Unha parte significativa desta contía facilitará a creación de 66 postos de traballo en cinco municipios: Tui, Cuntis (con 9 contratacións), O Grove (onde se incorporarán 17 persoas), Baiona e Moaña.