Luns de lotaría⿦ e de Pleno

Pontevedra
18 de decembro 2014

Ao mesmo tempo que medio país estará pendente do tradicional sorteo de Nadal da Lotería Nacional, a corporación municipal de Pontevedra reunirase para celebrar o último Pleno do ano

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal Mónica Patxot

Ao mesmo tempo que medio país estará pendente do tradicional sorteo de Nadal da Lotería Nacional, a corporación municipal de Pontevedra reunirase para celebrar o último Pleno do ano. O Teatro Principal acollerá este luns 22 de decembro, a partir das 11.30 horas, unha sesión plenaria case de trámite onde apenas se espera debate entre os tres partidos políticos.

Segundo adiantou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presuposto municipal terá que esperar a xaneiro. Entregarase á oposición en próximos días, unha vez se ultimen as contas do Pazo da Cultura, o Instituto Municipal de Deportes ou a empresa municipal de Turismo e conclúase a tramitación da documentación por parte do servizo de Intervención.

Así, no Pleno de decembro consensuarase unha declaración institucional de apoio á etiquetaxe do mexillón galego, aprobarase inicialmente a ordenanza para a inspección técnica de edificios e tratarase a cesión á Deputación do vial que une Santa Margarida, Montecelo e a estrada a Ponte Caldelas, para que a institución provincial poida avanzar nas obras do primeiro tramo de Rolda Leste.

Ademais, darase conta das recentes sentenzas xudiciais que privan os concelleiros do PP e María Biempica de ingresar o diñeiro que deixaron de cobrar durante o tempo que se lles retirou o dereito aos seus soldos municipais; e debaterase unha moción do Partido Popular para instar a Fomento para que se acelere a tramitación e posterior construción do tramo A Ermida-Vilaboa da A-57.