Luz verde para a humanización do Camiño do Casal, en San Xoán de Poio

Poio
07 de outubro 2021

A actuación contará cun orzamento que supera os 180.000 euros e se financiará a través do Plan Concellos da Deputación

Camiño do Casal, na Seara
Camiño do Casal, na Seara / Concello de Poio

A concellería de Obras e Servizos do Concello de Poio segue coa súa folla de ruta para completar a recuperación do lugar tradicional que abarca á Seara e á súa contorna, sendo un dos núcleos principais na parroquia de San Xoán. Ademais de acometer a mellora da vía principal nesta zona, o departamento dirixido por Chelo Besada, tamén traballa para mellorar o Camiño Casal, para o cal acábase de aprobar o expediente de contratación.

A actuación contará cun orzamento que roldará os 180.000 euros e as obras financiaranse a través do Plan Concellos da Deputación. Co obxectivo de respectar as características tradicionais da zona, o proxecto implicará a dotación dun novo de firme de empedrado. A maiores, procederase á instalación e renovación de servizos básicos como abastecemento ou pluviais, ademais de novas luminarias. “Queremos que estas actuacións axuden a mellorar a seguridade peonil, mantendo a mesma filosofía doutros proxectos que estamos a impulsar en distintos núcleos do municipio”, resalta Besada.

Unha vez aprobado o expediente de contratación, abrirase un prazo para que as empresas interesadas en asumir os traballos presenten as súas ofertas para, posteriormente, completar o proceso de licitación. Cómpre lembrar que a concellería de Obras e Servizos aposta pola inversión de máis de 700.000 euros en actuacións deste tipo, ás que hai que sumar á da Primeira Travesía, á principal da Seara e tamén á mellora das Rúas Caneliñas e Lameiriña, en Raxó, que, precisamente, foi adxudicada á empresa Covsa hai apenas uns días.