Máis de 360.000 euros para transformar os accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa

Barro
27 de febreiro 2025

O proxecto ten como obxectivo mellorar o acceso desde a N-550, realizando unha transformación integral do vial de acceso, con medidas de seguridade viaria, aparcadoiros e unha senda peonil segura

Xosé Manuel Fernández Abraldes, Iván Bello Ferreiro e Ramón Lagares
Xosé Manuel Fernández Abraldes, Iván Bello Ferreiro e Ramón Lagares / Concello de Barro

O Concello de Barro recibirá unha subvención de 367.235 euros con cargo ao Plan Extra da Deputación de Pontevedra para unha mellora integral dos accesos ao Parque da Natureza Ría de Barosa.

Este proxecto ten como obxectivo principal mellorar o acceso a Barosa desde a N-550, realizando unha transformación integral de todo o vial de acceso ao parque.

A actuación incluirá aplicar medidas de seguridade viaria, mellora dos aparcadoiros, creación dunha senda peonil segura para conectar as fervenzas co Camiño de Santiago e renovación integral do alumeado.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Obras de accesos a núcleos e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, visitaron a zona do parque na que se executará o proxecto. Estiveron acompañados do presidente da Comunidade de Montes da parroquia de Barro, Ramón Lagares.

Despois desa visita, segundo a información facilitada polo Concello, o alcalde mostrouse moi satisfeito por ter acadado o financiamento da Deputación.

Destaca que é "unha satisfacción moi grande que o proxecto fose seleccionado, un proxecto que sen dúbida vai mellorar e dignificar moito o acceso a este enclave natural tan significativo e importante para Barro".

Desde o Concello sinalan que Barosa é o principal polo de atracción turística de Barro, tanto polo seu valor patrimonial como natural, e acolle anualmente a milleiros de visitantes, tanto locais como estranxeiros, sobre todo a través do Camiño de Santiago, debido á súa proximidade.