Máis de 700 escolares participarán no Plan Concilia de Sanxenxo

Sanxenxo
08 de xuño 2026
Actualizado: 09 de xuño

Foron aceptadas practicamente a totalidade das solicitudes, fóra de 17 familias que non presentaron a documentación requirida ou non cumprían os requisitos establecidos

CEIP A Florida, de Sanxenxo
CEIP A Florida, de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo xa publicou a lista de escolares admitidos no programa Concilia 2026, que dará cobertura durante todo o período de vacacións escolares.

Segundo a concellaría de educación, practicamente a totalidade das solicitudes foron aceptadas, fóra de 17 familias que non presentaron a documentación requirida ou non cumprían os requisitos establecidos.

A principal novidade desta edición é a ampliación do servizo, que abarcará desde o 22 de xuño até o 8 de setembro, cubrindo así todo o calendario non lectivo do verán.

O programa desenvolverase nos centros educativos de Telleiro, en Noalla, e A Florida, en Sanxenxo.

En total, ofertáronse 940 prazas, das que finalmente se cubriron 704. Por períodos, entre o 22 e o 30 de xuño solicitáronse 60 das 94 prazas dispoñibles; na primeira quincena de xullo, 160 de 188; na segunda, 151; na primeira quincena de agosto, 143; na segunda, 136; e entre o 1 e o 8 de setembro, 54 das 94 ofertadas.

O programa permite ás familias adaptar o horario en función das súas necesidades, cun servizo que funcionará entre as 8:00 e as 15:30 horas.

Ademais, este ano reserváronse oito prazas para menores con necesidades de atención especial, das que finalmente se solicitaron cinco.