O Concello e a Policía Local de Pontevedra seguen a potenciar o control sobre os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMPs), fundamentalmente, patinetes eléctricos.
A partir do luns 17 de novembro, porán en marcha a terceira campaña de control deste tipo de vehículos, despois de confirmar que este ano 2025 xa protagonizaron 15 accidentes. Dous foron graves e deixaron feridos.
A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, e o intendente xefe da Policía Local, José Manuel Abal, anunciaron a campaña, que durará ata o domingo 23 de novembro.
Explicaron que as estatísticas policiais confirman a necesidade deste tipo de controis, pois non só aumentou a circulación de VMPs nas rúas de Pontevedra, senón tamén as infraccións dos seus condutores.
Así, entre o 1 de xaneiro e o 11 de novembro, a Policía Local inmobilizou 45 vehículos e rexistrou un total de 230 denuncias contra VMPs.
Delas, 205 foron competencia municipal por incumprimento da ordenanza de mobilidade e 25 foron trasladadas á xefatura provincial de tráfico por ser da súa competencia.

Segundo a información oficial facilitada, as infraccións máis habituais detectadas foron circular pola beirarrúa, dar positivo en alcohol e drogas e non dispoñer da homologación ou non cumprir cos requisitos técnicos de normativa.
Entre outras queixas, a Policía Local recibe denuncias por velocidades altas ou carreiras entre VMPs nas inmediacións dos centros escolares, de maneira que esta campaña vaise centrar nesas zonas preto de colexios e institutos e tamén nas rúas máis céntricas, desde Michelena a Gutiérrez Mellado ou Peregrina.
A Policía Local ten habilitado un correo para resolver dúbidas sobre o uso destes vehículos: [email protected].
Lembran normas básicas como que os VMPs son vehículos, non peóns, polo que deben respectar toda a sinalización e normas de tráfico.

O límite de velocidade é de 25 km/h, aínda que en zonas de plataformas únicas ou no centro histórico baixa a 10 km/h.
Está prohibido circular polas beirarrúas e pasos de peóns, non se pode circular baixo os efectos do alcohol ou drogas, nin empregando dispositivos móbiles e levar menores no patinete será sancionado.
A partir de xaneiro de 2026 será obrigatorio dispoñer de seguro obrigatorio e estes vehículos deben estar rexistrados na Dirección Xeral de Tráfico. Aconséllase o uso de casco para menores de 16 anos e facerse visible mediante luces ou chaleco.
