A escola infantil de O Revel (Vilalonga) abrirá as súas portas nun prazo máximo dun mes. A empresa xestora do centro iniciou xa as probas de selección do persoal. A falta de catro días para que finalice o prazo de presentación de curriculums, 207 persoas presentáronse ao proceso para optar a algún dos sete postos de traballo ofertados.
Fundación de Estudos e Análises (Fesan) será a encargada de gestionar as dúas garderías de Sanxenxo, tras adxudicarse este servizo durante un período de catro anos e por unha contía que ascende a case 500.000 euros anuais.
A empresa compostelana busca educadores que deberán contar con titulación específica como técnico superior de educación infantil ou equivalente, diplomado en maxisterio con especialidade en educación infantil ou equivalente, ou licenciado en pedagoxía ou psicopedagoxía. Tamén se incorporará á gardería persoal de apoio cualificado con estes estudos ou cos de técnico en atención sociosanitaria ou técnico superior en animación sociocultural.
"Aquelas persoas que dispoñan desta preparación e desexen participar no proceso poden presentar a documentación ata o venres", recordaron desde o Goberno local. Así, os interesados deberán entregar a súa solicitude na Casa Consistorial, concretamente no departamento de Emprego, ou enviar un correo electrónico a [email protected].
O Concello subliñou así mesmo "o importante logro que supón nun momento económico tan delicado como o que estamos a vivir o feito de incrementar os servizos que o Concello presta aos veciños e veciñas e que, neste caso, cumprirá unha función fundamental á hora de favorecer a vida familiar e laboral".
A inminente apertura da nova Escola Infantil Municipal de O Revel permitirá triplicar as prazas públicas de 0 a 3 anos ofertadas ata o momento, xa que ao módulo existente por cada tramo de idade na Escola Infantil Municipal O Tombo sumaranse agora dúas módulos máis tanto de 0 a 1 anos, como de 1 a 2 e de 2 a 3 anos, na gardería de Vilalonga.
Serán, pois, un total de 123 as prazas dispoñibles, aínda que tal e como explicaron desde o equipo de Goberno, o número de nenos e nenas admitidos superará esa cifra tendo en conta que gran parte deles acudirán ao centro durante media xornada.