Máis de 60 locais participarán do Entroido coa festa 'Os Xoves da Pasarela'

Pontevedra
21 de febreiro 2023

Este mércores, tamén están previstas celebracións e actividades no barrio de Monte Porreiro, o campo de festa de Cabaleiro e na mesma praza da Peregrina

Filloas, doce típico do Entroido
Filloas, doce típico do Entroido / Juan Mejuto

A pasarela da rúa 12 de novembro e Xosé Adrio Barreiro celebra a festa 'Os Xoves da Pasarela', este 23 de febreiro.

O barrio que rodea a vía do tren ao seu paso por esta zona vivirá unha xornada de troula e diversión. En colaboración co Concello de Pontevedra, a veciñanza da zona vén traballando na súa realización, implicando polo camiño a máis de 60 locais do barrio e promocionando unha degustación de filloas en 5 establecementos de hostalaría.

O mércores de Entroido en Pontevedra será, pola súa banda, un día cun carácter claramente tradicional. Ás 16.30 horas, no campo da festa de Cabaleiro, a veciñanza poderá afondar no traballo que supón a recuperación dun entroido tradicional na parroquia de Campañó, neste caso na Corrida da Rosca, celebrando en paralelo un festival infantil.

Doutra banda, ás 17 horas, na praza da Peregrina, Ravachol verá como as crianzas fan máscaras coa súa cara, a través do obradoiro promovido pola área de Festas.

Apenas media hora máis tarde, ás 17.30 horas, o Centro Cultural de Monte Porreiro iniciará a súa festa particular, da man de Cantaxoga e Migallas Teatro, que bailarán, cantarán e se disfrazarán ao longo da festa infantil prevista.

Ás 19 horas Ravachol volverá ser o protagonista. A recreación da botica de Don Perfecto Feijoo contará de novo coa ambientación a cargo da Aula de Teatro Municipal, cuxos membros entrarán na pel de diversos persoeiros relevantes da época na que o loro máis famoso da cidade viviu. Tamén actuará a agrupación Boavila.

Tanto o mércores coma o xoves hai cita coas murgas. Primeiro será a segunda eliminatoria do XXXI Concurso de Murgas, ás 21 horas do mércores, e logo será a final, o xoves, ás 21 horas tamén. En ambos os dous casos serán retransmitidas pola canle oficial do Concello de Pontevedra de YouTube.