O manifesto "A Chousa é nosa" que reivindica unha praza da Chousa dos veciños de Combarro acadou máis de mil sinaturas.
A Asociación Armadiña comezou o pasado 28 de xullo unha recollida de apoios que reclamaba a desafectación da contorna da Chousa e o traspaso da súa titularidade de Portos de Galicia ao Concello de Poio.
A Armadiña conta cos apoios da Asociación A Solaina, Asociación Cultural Mare Podium e comunidade de montes Rega dos Agros de Combarro.
Todos eles reclaman a Portos de Galicia que comece a desafectación da Chousa e solicita ao Concello de Poio comezar inmediatamente os trámites "para que a nosa praza, sexa nosa".
Nas próximas semanas, a Armadiña agarda avanzar nun movemento veciñal amplo que reclame a desafectación da Chousa, como aqueles lugares da nosa vila que aínda "inexplicablemente" non pertencen á veciñanza.