Máis zona de baño e novo balizamento para a praia fluvial do Lérez

Pontevedra
26 de xuño 2020

A Concellería de Desenvolvemento Sostible efectuou traballos de sega e limpeza e vén de instalar o balizamento da zona de baño. Ademais estase a rematar a achega de 450 metros cúbicos de area

Traballos de rexeneración e balizamento na praia fluvial do Lérez / Concello de Pontevedra

A praia fluvial do río Lérez en Pontevedra estrea imaxe co inicio da tempada alta do verán.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible investiu 50.000 euros en varias actuacións no areal, que se traducen na achega de 450 metros cúbicos de area e un novo balizamento que permitirá gañar uns metros extra na zona de baño cando baixe a marea.

"Reparáronse ou se substituíron as boias que se atopaban deterioradas e en malas condicións e gañouse zona de baño, xa que algunhas boias estaban practicamente sobre a area cando baixaba a altura do río", sinalou nunha visita ao lugar o edil Iván Puentes.

O paquete de actuacións inclúe ademais a contratación de socorristas, a instalación dun posto de vixilancia, unha mobilización de limpeza en profundidade con sega de herbas e a ampliación do servizo de desinfección e limpeza dos baños de dous a catro quendas.

En canto ao servizo de salvamento estará activo ata o 31 de agosto. Entre o 27 e o 30 de xuño haberá un socorrista de luns a domingo en horario de 12:30 a 20:30 horas, mentres que do 1 de xullo ao 31 de agosto prestarán xa servizo dous socorristas de luns a venres entre as 16:30 e as 20:30 horas e un de luns a domingo entre as 12:30 horas e as 16:30 horas.

Por último tanto o posto de socorrismo como a caseta destinada a cantina e baños foron obxecto dunha intervención decorativa baseada na campaña 'Verde Urbano', baixo a que se engloba toda a rede de espazos naturais, xardíns e parques da cidade.