A manifestación de Queremos Galego o domingo 23 suma apoios en Barro

Barro
19 de febreiro 2025
Actualizado: 14:05

O alcalde, Fernández Abraldes, e o concelleiro de Normalización lingüística, Iván Bello, mantiveron un encontro con Iria Mariño e Diego Bará, da coordinación comarcal da plaforma Queremos Galego

Iria Mariño, Xosé Manuel Fernández Abraldes, Iván Bello e Diego Bará Concello de Barro

A manifestación nacional en defensa da lingua convocada pola plataforma Queremos Galego o vindeiro domigno 23 de febreiro en Santiago de Compostela suma novos apoios na comarca de Pontevedra. 

Nesta ocasión, recibe o apoio do goberno local de Barro, que tamén amosa o seu compromiso para traballar polo futuro da lingua galega, "o elemento máis importante do pobo galego".

Iria Mariño e Diego Bará, da coordinación de Queremos Galego na comarca de Pontevedra, mantiveron unha reunión este mércores co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e co concelleiro de normalización lingüística, Iván Bello.

Despois dese encontro, desde o Concelo emitiron un comunicado no que lembran que forman parte da plataforma e confirman o seu apoio a esta manifestación.

A mobilización partirá o vindeiro 23 de febreiro ás 12 horas desde a Alameda compostelá e rematatrá na praza do Obradoiro.

A manifestación terá por lema 'Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística' e a plataforma fai chamado á cidadanía galega a se manifestar masivamente nunha xornada tan significativa como é o Día de Rosalía.

Iria Mariño insiste en que "cómpre actuar de inmediato para darlle a volta a máis dunha década de políticas en contra do galego por parte do Partido Popular"

Tamén o alcalde sinalou a "situación crítica" que está a vivir o idioma propio de Galiza e a necesidade de reverter esa situación.