Marcón súmase aos obradoiros de prevención do Alzheimer que comezan este luns

Pontevedra
01 de setembro 2024

Marcón súmase á actividade desenvolvida nas parroquias de Campañó, Alba, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Mourente, Lourizán, Verducido e Salcedo e nos barrios do Burgo e San Roque

Persoas participando nunha actividade de AFAPO AFAPO - Arquivo

Co mes de setembro, volven os obradoiros de estimulación cognitiva e prevención do Alzheimer que impulsa a Concellería de Benestar Social da man de Afapo, a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Pontevedra. 

A partir deste luns 2 de setembro estarán de novo en marcha nas parroquias de Campañó, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Mourente, Lourizán, Alba, Verducido Salcedo, ás que se engade agora Marcón. Ademais de nos barrios do Burgo e San Roque.

Os obradoiros teñen unha duración de cinco meses: a primeira etapa desenvolveuse en maio e xuño e a segunda, que comeza agora, estenderase ao longo de setembro, outubro e novembro. Van dirixidos a maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neuro-dexenerativa.

Son arredor de 170 as persoas inscritas nos obradoiros, unha proposta da que a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, sinala que “vai un pasiño máis aló” doutros obradoiros de memoria máis convencionais. "Non son só unha actividade lúdica; da man dos profesionais e a experiencia de Afapo permiten a detección temperá de enfermidades neuro-dexenerativas como o Alzheimer", subliña a concelleira.

Os obradoiros de estimulación cognitiva de Afapo están coordinados por unha traballadora social e unha psicóloga, responsables de facer unha valoración dos participantes e do seguimento do desenvolvemento da actividade por se fóra preciso asesorar ou orientar posibles casos de deterioración cognitiva ou sospeita de Alzheimer ou calquera outra enfermidade neuro-dexenerativa.

Están artellados en sesións con dinámicas de grupo que axudan a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión e o traballo en equipos e exercicios colectivos (orais) e individuais que traballan distintas áreas: memoria, linguaxe, escritura, cálculo, atención, funcións executivas, etc.

En Pontevedra viven 31.442 persoas maiores de 55 anos (17.776 mulleres e 13.666 homes), conforme os datos do padrón, o que supón case o 37% da poboación. Deles 18.980 teñen máis de 65. Un perfil demográfico que leva á Concellería de Benestar Social a desenvolver iniciativas dirixidas á participación social e lecer dos maiores e á promoción da saúde e prevención do deterioro das capacidades psico-físicas co fin de manter a súa independencia e autonomía o maior tempo posible.