Marea completa a segunda fase das primarias e avanza na súa candidatura ás municipais

Pontevedra
01 de novembro 2018

Un total de 107 persoas participaron nas primarias coas que Marea Pontevedra avanzou na confección da candidatura que encabezará o seu actual portavoz municipal, Luis Rei, nas eleccións de maio de 2019

Primarias en Marea Pontevedra
Primarias en Marea Pontevedra / Marea Pontevedra

Un total de 107 persoas participaron nas primarias coas que Marea Pontevedra avanzou na confección da candidatura que encabezará o seu actual portavoz municipal, Luis Rei, nas eleccións de maio de 2019.

Os inscritos de Marea colaboraron cos seus votos nesta segunda fase das primarias para determinar que Manuel Fontán Bouzas sexa o número 3 da lista ás municipais, por diante da coordinadora do partido, Carmen González Novoa "Peque", que ocupará a cuarta praza.

Ata o lugar dez da lista síguenlles Jaime Acuña Torres, Herminia Dios Poceiro, Guillermo Casalderrey Rivas, Alicia Fernández Moldes, José Luís Vidal Laiño e María Luísa Lores Aguín.

Nas primarias só houbo unha única corrección de xénero para ser unha lista cremalleira.

Para completar os dez primeiros postos da lista soamente queda por escoller a persoa que ocupará o segundo.

Pola relevancia destas eleccións, a necesidade de abrir un maior espazo político e electoral para competir pola alcaldía da cidade, sinalan desde Marea, a asemblea reservou  a posibilidade de que este posto fora ocupado por unha persoa de relevancia política e social que no seu momento someterase a ratificación dos inscritos de Marea Pontevedra.

O resto da lista (do posto 11 ao 25), así como os suplentes, será aprobada, a proposta da coordinadora xeral, nunha asemblea posterior a este proceso de primarias atendendo a criterios de idoneidade, xénero, idade e representación social e parroquial.