Marea confirma que se absterá no pleno de orzamentos

Pontevedra
14 de decembro 2017

Un orzamento mellorado e cun novo xiro social. Así é, segundo Marea Pontevedra, a achega desta formación política ás contas municipais de 2018 que se aprobarán este venres no pleno da corporación. Iso si, non o suficiente como para votar a favor

Asemblea de Marea Pontevedra Marea Pontevedra

Un orzamento mellorado e cun novo xiro social. Así é, segundo Marea Pontevedra, a achega desta formación política ás contas municipais de 2018 que se aprobarán este venres no pleno da corporación. Iso si, non o suficiente como para votar a favor.

A asemblea de Marea decidiu que os seus dous concelleiros absteranse, ao entender que é un orzamento en solitario dun goberno municipal en minoría que continua sen crer na xestión directa dos servizos públicos e que conta cun gasto social mínimo.

As emendas de Marea permitiron, segundo destaca a asemblea, aprobar un plan de emprego xuvenil, valorado en 813.000 euros; unha renda social de 425.000 euros para persoas en situación de emerxencia ou destinar 46.800 euros a fomentar a economía social no concello.

Ademais, outros 150.000 euros irán para o transporte metropolitano e 11.000 euros para a creación dun servizo de recollida e dun protocolo de atención de animais abandonados, extraviados ou sen dono coñecido.

PROCESO PARA AS MUNICIPAIS

A asemblea de Marea Pontevedra tamén aprobou poñer en marcha o proceso de elección democrático e participado da súa candidatura municipal. Volverán a apostar polas primarias abertas como fórmula para elixir a súa candidatura para as municipais do 2019.

O proceso terá dúas fases. Unha primeira, que se celebrará o primeiro trimestre de 2018, elexirá á persoa que encabece a lista. A segunda, no cuarto trimestre de 2018, escollerá ao resto da candidatura.

Con esta decisión Marea Pontevedra terá un rostro definido un ano antes das municipais nas que se marca como obxectivo ser "a forza de goberno de progreso que precisa Pontevedra", destacan.