Marea propón a creación dun consorcio que regule o deporte da cidade

Pontevedra
08 de xuño 2018

O portavoz da agrupación e candidato á alcaldía, Luís Rei, explicou os plans de Marea en materia deportiva nunha proposta que contou coa asesoría técnica de Alberto Argibay

Rolda de prensa de Luís Rei e Alberto Argibay nas piscinas de Campolongo
Rolda de prensa de Luís Rei e Alberto Argibay nas piscinas de Campolongo / Mónica Patxot

A creación dun consorcio que regule a actividade no deporte pontevedrés é unha das propostas de Marea Pontevedra no programa que están a elaborar para 2019.

Así o explicou o portavoz da agrupación e candidato á alcaldía, Luís Rei, xunto ao asesor técnico do plan, Alberto Argibay, nunha rolda de prensa celebrada nas piscinas de  Campolongo.

"Trala disolución do IMD pensamos que hai un vacío, debe haber un ente que regule todo", explicou Argibay sobre un organismo que contaría con presenza maioritaria de persoas designadas polo Concello de Pontevedra pero tamén de Deputación, Xunta, Universidade de Vigo, ANPAS, clubs deportivos e asociacións.

Segundo esta proposta os 12 traballadores públicos dedicados ao deporte no Concello debería ampliarse a un mínimo de 20, co obxectivo de organizar as áreas deportivas, asegurar a presenza de material ou a optimización das instalacións.

Para Marea o ratio de instalacións deportivas por habitante na cidade non é problema, xa que aseguran que é o segundo de Galicia, pero "detectamos unha serie de eivas", explicou Luís Rei sinalando ao mantemento dos espazos deportivos e "á tardanza na que chegan as subvencións".

Na súa comparecencia Rei sinalou que no ano 2017 o Concello destinou preto de 3 millóns de euros ao deporte pontevedrés, entre as partidas executadas a través do seu orzamento e o achegado pola empresa pública Turismo de Pontevedra.